O Cantón de Molíns acollerá este domingo a celebración do Día de Europa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O Concello de Ferrol organiza este domingo día 12 actos conmemorativos polo Día de Europa, iniciativa ao abeiro do Programa Urban-Ferrol e baixo o nome “Europa conta”, que pretende achegar á cidadanía a transcendencia da tradición cultural do continente no desenvolvemento persoal como habitantes da casa común europea. O programa de actividades comezará ás 11:30 horas coa actuación da Banda de Música Ferrolá no Palco da Música do Cantón de Molíns, que interpretará pezas musicais infantís europeas. Esta celebración conmemora cada 9 de maio a data da Declaración Schuman de 1950, considerada a primeira proposta oficial para a construción dunha Europa integrada.

Ademais, os máis pequenos poderán participar no obradoiro de contos populares europeos “Érase unha vez Europa”, que dará comezo ás 12:30 horas na praza da Constitución. Nesta actividade, os nenos poderán gozar da variedade de versións que os mesmos contos teñen nos distintos países; e así, chegar ao convencemento de que, con matices, todos os habitantes do noso continente pertencemos á mesma cultura e civilización. Ademais, realizarán actividades moi variadas centradas nos contos tradicionais máis populares e ao remate do obradoiro recibirán un diploma.

Ao longo do desenvolvemento do programa serán repartidos globos e pegatinas para os nenos e nenas, e folletos informativos do Programa Urban Ferrol para todos os interesados. O acto está dirixido especialmente ás familias, nenos e nenas e mozos e mozas ferroláns e ten como obxectivo xeral coñecer e interiorizar o concepto de Europa e a súa influenza nas nosas vidas, ademais de transmitir a idea de que Europa existe e se ocupa dos seus habitantes. Outros obxectivos do programa son implicar á sociedade no labor de recuperación e dinamización dos barrios históricos de orixe do Concello como lugares de convivencia; recoñecer o concepto de Europa como parte da nosa cultura; e rescatar e salientar o importante e vital papel que xogan os contos populares na transmisión de valores inherentes ao noso modo de ser.

10 de maio de 2013 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.