O Campo de Fútbol das Baloutas, en Mos, acolle a Baloutas Cup
O concelleiro de Deportes, Isidoro Táboas, informou hoxe de que mañán, día 17 de maio, terá lugar no Campo de Fútbol das Baloutas o evento deportivo Baloutas Cup no que se darán cita 16 equipos de 11 dos clubes máis representativos da zona da comarca de Vigo. Neste torneo competirán as categorías prebenxamín e benxamín, os máis pequenos do fútbol federado.
Os clubes que participarán mañán no Baloutas Cup son Celta de Vigo, Areas Alcabre, Santa Mariña, Sárdoma, Tyde, Vila do Corpus, Val Miñor, Atios e os mosenses Club Louro-Tameiga e Unión Deportiva Mos.
O evento, organizado pola Unión Deportiva Mos, pretende ser unha festa para os máis pequenos. Haberá medallas para todos e diversos trofeos como mellor xogador, mellor xogadora, mellor porteiro, etc. Unha novidade en eventos deste tipo será a entrega do trofeo á afección máis respectuosa, co fin de motivar o comportamento exemplar dos familiares dos xogadores que se atopan entre o público.
Todo o torneo terá cobertura mediática de Popular Televisión e contará coa colaboración de Nel Fernandez en megafonía. Tamén haberá un pulpeiro nesta festa do deporte para os máis pequenos.











