O Auditorio Municipal de Cedeira acollerá este sábado a obra teatral “As herdeiras do Sol”
O Auditorio Municipal acollerá este sábado, 18 de maio, a representación da peza teatral “As herdeiras do Sol”, a cargo da compañía Quemaisten Teatro. A función dará comezo ás 20 horas e o prezo das entradas é de 2,5 euros.
Baixo a dirección de Xosé Bonome, “As herdeiras do Sol” é unha peza ambientada nos comezos da Transición política española. Narra a vida dunha familia formada por Dona Laura e Dona Clara, dúas irmás anciás que, invocando graves cuestións de moralidade ou conveniencias individuais, coartan a liberdade de dúas mozas, Lolita e Elenita, as súas sobriñas, ata provocar a destrucción das mesmas. Nas herdeiras do Sol, as personaxes representan nas súas aventuras individuais as peripecias dunha sociedade española na busca da súa propia identidade.











