O Auditorio de Galicia acolle a final do Club de Debate
Mañá sábado, 4 de maio, celebrarase na Sala Mozart do Auditorio de Galicia a final do Club de Debate. Dende as 10.00, os seis equipos finalistas loitarán polo premio final, consistente nunha viaxe a Taramundi. A proclamación do equipo gañador e a entrega de premios realizarase a partir das 19:45 horas. O alcalde de Santiago, Ángel Currás, estará no inicio dos debates e a concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, participará na entrega de premios.
Nesta final participarán os centros escolares gañadores das seis fases comarcais celebradas previamente: IES Saturnino Montojo, gañador da fase comarcal de Ferrol; IES Parga Pondal (Carballo), de Bergantiños; CPI dos Dices (Rois), de Santiago; IES Sánchez Cantón, de Pontevedra; IES Castelao, de Vigo, e CPR María Auxiliadora. Salesianos, gañador da fase de Ourense.
Cada equipo terá que debater dúas veces, unha a favor e outra en contra, sobre o tema seleccionado. Como resultado deses seis debates obterase una clasificación por puntos. Os dous equipos máis puntuados volverán debater para decidir cal vai ser o gañador absoluto, que obterá un premio consistente nunha viaxe-estadía dunha fin de semana nun espazo de interese natural, cultural e lingüístico para un grupo de 25 persoas (toda a súa aula). Esta viaxe, durante a fin de semana do 22 e 23 de xuño, será a Taramundi e estará cargada de actividades atractivas nas que, asemade, se poida poñer en práctica o que se aprendeu e, sobre todo, o galego.
Nesta edición 2012-2013 do Club de Debate participaron 259 escolares de 22 centros, repartidos en 31 grupos. Estiveron axudados por 34 preparadores. A de Santiago foi a fase comarcal que contou con máis centros (8) e máis participantes (99).
O Club de Debate é unha iniciativa impulsada dende os servizos de Normalización Lingüística municipais na que participan os Concellos de Ames, Carballo, Cee, Ferrol, Pontevedra, Ourense, Rois, Santiago, Teo e Vigo. Esta iniciativa púxose en marcha durante o curso pasado promovida dende os servizos de Normalización Lingüística municipais cunha moi boa acollida dentro da comunidade escolar.