publicidade hoxe

O alcalde inaugura a primeira fase da reforma da rúa Brasil e anuncia novas humanizacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVigo
A-
A+
Caballero vistando as obras na rúa Brasil

Área reformada da rúa Brasil

Caballero inaugurou este luns a primeira das dúas fases da humanización da rúa Brasil, na que o goberno local inviste 1,9 millóns. O alcalde adiantou que os seis millóns do superávit do Concello do pasado ano irán “masivamente para humanizacións”, unha “reclamación prácticamente xeralizada nesta cidade”.

A primeira fase da humanización da rúa Brasil, entre a praza de Isabel a Católica e Vázquez Varela, foi inaugurada este luns polo alcalde e membros da corporación municipal, obra que o goberno de Vigo executa en dúas fases cun investimento total de 1,9 millóns.

Abel Caballero explicou que a mellora da rúa inclúe a renovación de case 1,5 quilómetros de redes soterradas de abastecemento, saneamento e pluviais, 77 árbores, xardineiras, novos puntos de luz, bancos e papeleiras. O rexedor felicitou á empresa polo “excepcional traballo” realizado neste vial e recordou que a obra “xera un número moi significativo de postos de traballo, a parte máis importante” desta reforma.

O alcalde indicou que están pendentes de inauguración os traballos de mellora executados en Menéndez Pelaio, Nicaragua, Severino Cobas, Manuel Álvarez e as segundas fases de Aragón e Martínez Garrido. O goberno local ten en marcha ou pendentes de iniciar obras no paseo de Paz Andrade, na rúa Canceleiro, Camelias, Serafín Avendaño, Areal, Tomás Alonso, Moaña, Pontevedra, Mestre Chané, Marqués de Valterra, Navia, Hispanidade, Cesáreo Vázquez, en Matamá, Saiáns, Sampaio, Lavadores, Candeán, Castrelos, Cabral, Zamáns, Bouzas, Teis e Travesas, “en todas as parroquias da cidade”, apuntou, por valor de 22 millóns de euros.

Caballero asegurou que as humanizacións son unha “reclamación prácticamente xeralizada nesta cidade” e anunciou que os seis millóns de euros procedentes do superávit municipal de 2012 serán empregados “masivamente para humanizacións”. O alcalde afirmou que “somos un modelo en toda España”, coa débeda máis baixa das grandes cidades en réxime común e con investimento público que xera emprego.

6 de maio de 2013 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.