O alcalde de Ponte Caldelas recibe ao pescador que capturou unha troita de 4,2 quilos no río Verdugo

O rexedor con Luis Lorenzo e a troita
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, recibiu no seu despacho da Casa Consistorial a Luis Lorenzo Otero, o pescador de Laxoso de Arriba, que capturou unha troita de 72 centímetros de lonxitude e 4,2 quilos de peso. Este exemplar foi sacado do río Verdugo á altura das pozas de Coveliño en ponte Caldelas.
Perfecto Rodríguez felicitou o pescador pola súa captura e compartiu con el a satisfacción de que un veciño de Ponte Caldelas lograse unha troita dese tamaño a escasos días do inicio da Festa da Troita e do concurso de pesca deportiva.
O rexedor caldelano gabou a pericia do pescador de Laxoso de Arriba e animou os afeccionados á pesca deportiva a que participen no concurso que se desenvolverá en Ponte Caldelas os días 25 e 26 de maio. Así mesmo, resaltou o bo estado de conservación ambiental do río Verdugo, así como a abundancia e excelente medida da fauna piscícola existente na zona, como acredita a propia captura dun exemplar destas características.
Ao parecer, Luis Lorenzo e o seu fillo José Antonio tamén protagonizaron unha fazaña similar o pasado ano coa captura dun exemplar de troita que pesou algo máis de 3 quilos e que tamén logrou cobrar usando unha pequena babosa como cebo vivo.
Confesou que se decidiu por este cebo pola situación do río e a climatoloxía, con chuvascos frecuentes que, segundo confesou, arrastra ao río todo tipo de sedimentos e pequenos invertebrados como as babosas que son unha presa cobizada polas grandes troitas.
Lorenzo Otero animou os afeccionados á pesca fluvial deportiva que participen no concurso da Festa da Troita e sinalou que o río se encontra este ano en situación idónea para lograr moitas e boas capturas.