O alcalde de Ferrol visitou o novo obradoiro de igualdade sobre mecánica do automóbil

Visita do rexedor ao taller de automoción
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, acompañado da Concelleira de Igualdade, Verónica Casal Míguez, visitou esta tarde o inicio do obradoiro “Mecánica do Automóbil”, unha actividade anovadora que se enmarca nun dos eixes de traballo do Goberno Municipal a prol da equiparación real entre mulleres e homes. Un total de 15 persoas -11 mulleres e 4 homes, que cubriron todas as prazas dispoñibles- participan nesta iniciativa, sen custe algún para o alumnado, cuxa parte teórica se desenvolve nas dependencias municipais da Casa da Muller.
O obradoiro desenvolverase en oito sesións, os martes e xoves de 17.00 a 19.00 horas, que suman un total de 15 horas de duración. Así mesmo, destinaranse dúas xornadas a contidos prácticos. No que atinxe aos contidos da iniciativa estes céntranse en tres temáticas: a identificación dos elementos básicos do automóbil –localización e función dos mesmos para a súa posterior revisión e mantemento-; o control, revisión e mantemento do vehículo –comprobación de niveis de aceite, anticonxelante, líquido de freos e de dirección asistida; substitución de elementos como lámpadas, vasoiras limpiaparabrisas, fusibles; comprobación da presión de inflado e substitución de neumáticos e arrancado auxiliar da batería auxiliar-;e, en terceiro lugar, seguridade viaria.
Ao fío da temática do obradoiro, a edil de Igualdade destacou que o obxectivo da mesma “é ofrecer as ferramentas necesarias para facer unha diagnose de fallos e solucionar problemas básicos relacionados co automóbil”. Neste sentido, sinalou que se trata dunha iniciativa dirixida a homes e mulleres que dispoñan do permiso de condución clase B ou que estean en proceso de obtelo e queiran ampliar os seus coñecementos sobre os elementos principais e as actividades básicas de revisión e mantemento do automóbil.
Formación e sensibilización
Pola súa banda, o alcalde de Ferrol manifestou que estes obradoiros que se están a desenvolver dende a Concellería de Igualdade –onte mesmo visitou a nova edición do obradoiro de Corresponsabilidade Doméstica- “promovemos accións de formación e sensibilización, posto que ademais de descubrir novas capacidades, potenciamos un cambio de actitudes para alcanzar a igualdade real entre mulleres e homes, propiciando un mellor reparto de responsabilidades e eliminando os estereotipos sexistas”. Unha liña de traballo implantada neste mandato polo actual Goberno Municipal “na que seguiremos afondando posto que ademais está a ser un éxito de participación como demostra o feito de que as prazas dispoñibles esgótanse en cada un do obradoiros que organizamos”.