O alcalde de Ferrol visita as instalacións da Residencia de Maiores “Mi Casa”
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, acompañado da concelleira de Benestar Social, Rosa Martinez Beceiro, visitou esta tarde as instalacións da Residencia de Maiores Mi Casa, un centro residencial que ten unha elevada demanda por estar localizado na cidade, co que as persoas maiores continúan no seu contorno e conservan o contacto coa familia e cos seus achegados. Esta visita ás instalacións de Mi Casa -situadas na rúa Coruña, en pleno centro de Ferrol- forma parte das visitas e entrevistas co tecido asociativo, cultural, social e económico da cidade que está a manter Rey Varela.
O Concello de Ferrol, a través das Unidades Básicas de Traballadoras/es Sociais da Área de Benestar, colabora coa Residencia Mi Casa posto que dende alí se dervian ás familias para realizar diferentes trámites relacionadas coas persoas ingresadas no centro, tales como informes de dependencia ou revisións de valoración. Así mesmo, dende Benestar tamén se informa dos requisitos de entrada tanto a nivel privado como público –existen prazas subvencionadas pola Xunta de Galcia-.
Rey Varela subliñou a importancia que o Goberno municipal concede aos servizos de atención ás persoas maiores. Neste sentido, lembrou que a Administración local, por medio da Concellería de Benestar, ten asinado un convenio con outra das residencias existentes na cidade, Xeriatros, “que permite reservar prazas de centro de día con transporte e atención residencial urxente”, lembrou. Dentro deste acordo, os servizos incluídos son almorzo, xantar, merenda, actividades terapéuticas e todas aquelas que preste Xeriatros no seu centro de Ferrol.