O alcalde de Ferrol visita ao alumnado do curso de formación e intervención en zonas verdes da zona urban

Rey Varela visitando aos participantes
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, visitou esta maña aos 15 alumnos e alumnas do curso de Formación e Intervención en Zonas Verdes da cidade, que o Goberno Municipal organiza ao abeiro do Programa Urban, financiado en parte con fondos europeos. Esta acción formativa deu comezo o pasado mes de febreiro e continuará ata setembro. A duración do mesmo é dun total de 700 horas -590 horas son de carácter práctico, e as 110 restantes son teóricas-.
Dende o primeiro día o alumnado desenvolve traballos de conservación e mantemento de xardíns en espazos verdes emblemáticos situados no ámbito Urban –A Magdalena, Ferrol Vello e Canido- baixo supervisión de técnicos municipais. Máis concretamente, as actuacións están centradas no parque municipal Raíña Sofía -o centro base de operacións-, xardíns de San Roque e San Francisco, zona verde da rúa San Francisco e rúa San Antonio, zona axardinada da rúa Espartero e os xardíns do Baluarte de San Xoán.
O primeiro edil da cidade visita os traballos realizados polos alumnos/as da iniciativa para comprobar o estado de execución que están a realizar dende esta iniciativa para a mellora da empregabilidade. Este programa xunto co proxecto de remodelación dos accesos ao parque Raíña Sofía, cuxas obras están en fase de adxudicación, responde ao obxectivo do Goberno de Rey Varela de recuperar o parque municipal, un dos eixes fundamentais do programa Ferrol Verde. Rey Varela manifestou a súa satisfacción con esta acción formativa porque “ademais do impulso do emprego tamén se propicia a recuperación do parque Raíña Sofía”. Ademais, a empresa que se encarga de impartir este curso Urban ten un compromiso de contratación do alumnado que completen o curso na porcentaxe do 41% (7 persoas), nos tres meses seguintes ao remate do mesmo. Os contratos terán unha duración mínima de seis meses e a xornada de traballo será, polo menos, de media xornada.
Formación práctica e teórica realizada
O alumnado está a levar a cabo actuacións de mellora en diferentes parcelas de titularidade municipal. Algunhas das intervencións que se están a executar nestes momentos son: a plantación dun total de 600 unidades de plantas de tempada nos xardíns de San Roque e Baluarte de San Xoán; poda de arbustos e sebes no parque de Raíña Sofía, considerando posteriores traballos de poda ao longo do curso; actuacións de mantemento do céspede en todas as zonas, serán realizado ao longo da formación; limpeza de xardíns,a través da retirada de follas, flores, restos orgánicos e limpeza de camiños, tamén realizada durante todo o obradoiro; preparación do terreo para plantación; perfilados e sachas en xardíns e gabias, executada ao longo da formación; aplicación de herbicidas en parte dos xardíns de San Francisco; traballos de escarificado; adubado; e mantemento, conservación e reparación de maquinaria. No que atinxe á parte teórica da formación, os 15 alumnos e alumnas levan impartidas ata o momento 50,5 horas das 110 totais do curso.
Vindeiras intervencións
Os traballos previstos para os vindeiros meses son os seguintes: escarificados das zonas de actuación pendentes, plantación de planta arbustiva e árbores, aplicación de tratamentos fitosanitarios, colocación de tepe, práctica de rego (instalación do sistema e revisión de riscos), colocación de carteis das especias simbólicas no parque Raíña Sofía e diferentes traballos de mantemento de xardín, limpeza, podas de sebes e arbustos.











