O alcalde de Ferrol recibe a Mónica García Prieto, gañadora da IX edición do premio José Couso de liberdade de prensa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocalLocal Portada
A-
A+
Recepción a Mónica García Prieto

Recepción a Mónica García Prieto

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, recibiu esta mañá no seu despacho da Casa Consistorial á gañadora da IX edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, a xornalista Mónica García Prieto. A correspondente de guerra asinou no Libro de Ouro da cidade e o rexedor municipal fíxolle entrega do libro “A Nosa Pintura”. No acto de recepción tamén estiveron presentes a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, María Ares; o director territorial de la Caixa, Marc Arthur Benhamou; e o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), Xosé Manuel Pereiro; así como os voceiros dos grupos municipais.

O galardón, creado polo CPXG e o Club de Prensa de Ferrol, conmemora ao cámara ferrolán José Couso, falecido o 8 de abril de 2003 no Hotel Palestina de Bagdad mentres cubría a guerra de Iraq. “Quero aproveitar este acto para reivindicar a súa figura e mandar un afectuoso saúdo aos seus amigos e familiares, que non cesan no seu empeño de esclarecer as causas que rodearon a morte deste veciño ferrolán” salientou Rey Varela. Ademais, o primeiro edil da cidade lembrou que a liberdade de expresión e de información está consagrada naConstitución Española, “dereito cuestionado e en perigo en moitas zonas do mundo, como pon de manifesto a dramática morte de José Couso”. “Reporteiros Sen Fronteiras denuncia que no que levamos de ano, 19 xornalistas morreron e 174 están presos por facer ou intentar facer o seu traballo” engadiu. Ao fío disto, o rexedor municipal manifestou que “o conxunto da sociedade non debe permanecer pasiva nin ante o silencio imposto mediante mordaza porque o silencio agocha e máis que nunca son necesarios os bos xornalistas”. O alcalde ferrolán quixo felicitar a Mónica García polo seu galardón, pero tamén lembrou aos xornalistas e organizacións premiados en edicións anteriores: o marroquí Alí Lmrabet, o estadounidense Jon Lee Anderson, o falecido José Vidal-Beneyto, Rosa María Calaf, Daniel Anido e Rodolfo Irago, o xornal Le Monde Diplomatique, o organización WikiLeaks e o  Consello de Informativos de Televisión Española.

Pola súa banda, a premiada polo seu traballo como reporteira de guerra e a súa cobertura do conflito de Siria, agradeceu o galardón porque “é un premio dun colectivo de xornalistas que se senten recoñecidos co seu voto co modelo de xornalismo que facemos os que non traballamos para grandes corporacións; e porque leva o nome de José Couso, un compañeiro co que puiden traballar en Bagdad ata a súa traxedia”. Así mesmo, Mónica García Prieto, reivindicou a necesidade dos xornalistas de contar historias con liberdade e a función social que desenvolve esta profesión. A reporteira recoñeceu non equivocarse ao abandonar o medio no que traballaba para dedicarse ao ámbito dixital no que desenvolve a súa profesión de maneira máis libre. “Este premio é mostra de que tomei a decisión acertada”.

Entrega do galardón

A programación do acto inclúe unha ofrenda floral ás 19:30 horas no Cantón de Molíns na escultura “Ás Ceibes” na que estará presente o concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol, Manuel-Reyes García Hurtado. O alcalde ferrolán presidirá o acto oficial de entrega do IX Premio José Couso de liberdade de prensa, que se celebrará ás 20:30 horas no Teatro Jofre. A continuación terá lugar o Concerto da Liberdade interpretado polo grupo “Música Doméstica”.

9 de maio de 2013 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.