O alcalde de Ferrol presidiu o sorteo do Campionato de España Cadete de Baloncesto Masculino

Rey Varela durante o sorteo
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiu hoxe o sorteo de grupos do XV Campionato de España Cadete de Baloncesto Masculino, que se celebrará na cidade naval dende o 26 de maio ao 1 de xuño nos pavillóns municipais da Malata, Ensanche e Esteiro. O acto tivo lugar no Salón de Recepcións da Casa Consistorial e ao mesmo asistiron a concelleira de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós; o vicepresidente segundo da Federación Galega de Baloncesto (FEGABA), Jose M. Villamarín; o integrante do gabinete técnico da Federación Española de Baloncesto (FEB), Manuel Aller; o presidente do Ferrol CB e o director deportivo do Ferrol CB, José Rilo e Luis Barbeito, respectivamente; ademais de diferentes representantes do club ferrolán.
Neste campionato nacional de gran repercusión para Ferrol daranse cita un total de 32 clubs españois da categoría cadete masculina. Ademais, de forma paralela as competicións realizaranse diferentes actividades deportivas con colexios da cidade como os 3×3, concurso de tiros, charlas, foros… Todos os partidos serán gratuítos e en horario de mañá e tarde.











