O alcalde de Ferrol comproba os traballos de recuperación como zona verde dunha parcela do Ensanche
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, e a concelleira de Emprego do Concello de Ferrol, Martina Aneiros Barros, visitaron hoxe os traballos de acondicionamento dunha parcela situada na rúa Venezuela que están a levar a cabo os alumnos/as do Obradoiro de Emprego “Ferrol Verde”. Un total de 30 persoas participan nesta actividade formativa que a Administración municipal comezou o pasado mes de decembro en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia cun dobre obxectivo: mellorar a empregabilidade do alumnado e recuperar como zonas verdes espazos hoxe degradados no entorno do Ensanche A. A iniciativa prolongarase até mediados de 2013.
Rey Varela salientou que dende o ano 2005 Ferrol non contaba cun obradoiro de emprego, e que o investimento en “Ferrol Verde” ascende a 300.000 euros –dos cales, a Consellería que dirixe Beatriz Mato achega ao redor de 260.000 euros, e o resto procede das arcas municipais-. “Con esta iniciativa estamos a ofrecer unha formación especializada en xardinería, ademais de transformar en zonas verdes e axardinadas espazos da cidade que hoxe se atopan degradados como é o caso desta parcela na rúa Venezuela”, insistiu o primeiro edil.
Así mesmo, Rey Varela enmarcou este obradoiro no desenvolvemento dun dos eixes do proxecto de cidade Ferrol 2020, que pasa por ter unha cidade máis limpa e verde e para o que o Goberno Municipal ten xa adxudicadas as intervencións na praza de España e no parque Raiña Sofía; ao tempo que traballa na licitación da mellora do Cantón de Molíns. A estas actuacións, hai que engadir outros programas formativos que inclúen traballos de mellora en mantemento de zonas verdes da cidade, como é o caso das accións que se levan a cabo a través do Urban en espazos verdes de A Magdalena, Canido e Ferrol Vello ou o primeiro obradoiro ocupacional desenvolvido en colaboración con Asfedro, que permitiu actuar en varios puntos do barrio de Caranza.