publicidade hoxe

O alcalde de Ferrol avalía cos veciños de Doniños e Valón as actuacións do plan de Barrios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, visitou hoxe Doniños e Valón onde se reuniu cos representantes da Asociación de Veciños destas parroquias do rural co obxectivo de comprobar as actuacións de mantemento e mellora desenvolvidas nestas zonas nos últimos días ao abeiro da primeira fase do Plan de Barrios posto en marcha polo Goberno Local. O encontro tamén serviu para coñecer de primeira man as novas demandas veciñais coa finalidade de acometelas en próximas intervencións, así como para presentar o anteproxecto de saneamento da zona rural para as parroquias de Doniños e Valón. Ao respecto desta última actuación, Rey Varela apuntou que “o saneamento das parroquias do municipio é a actuación máis importante da zona rural”.

No que atinxe ao contido do proxecto de saneamento para Doniños-Valón os responsables da empresa Mixta  de Augas de Ferrol (Emafesa) -que asistiron á reunión xunto cos concelleiros de Servizos e Medio Ambiente e de Zona Rural, Borja Carro Muñoz e José Polo Veiga, respectivamente- foron os encargados de explicar aos veciños en que consistirá este proxecto. Así, o saneamento deste contorno suporá un investimento total de 1,8 millóns de euros e permitirá a depuración das augas residuais das vivendas dos lugares do Confurco, San Cristovo, O Pieiro e Cariño. O sistema que se utilizará e o de humedais artificiais. As vantaxes deste sistema é que ten un custe máis reducido, non se empregan reactivos nin enerxía no proceso de depuración, produce unha baixa produción de lodos, ten un custe de mantemento baixo e xera un alto grao de desinfección. Os paneis explicativos do proxecto de saneamento neste contorno quedar dende hoxe exposto no local veciñal de Doniños, co obxectivo de que o vaia coñecendo a veciñanza e trasladen as súas dúbidas a Emafesa, autora da proposta a petición do Goberno Municipal de Ferrol.

Intervención de mellora no rural

No que atinxe ás tarefas de mellora e mantemento acometidas esta semana en Doniños e Valón polos servizos municipais e empresas que traballan para o Concello, a valoración das mesmas ascende a preto de 40.000 euros. Ademais da listaxe de traballos realizados, Rey Varela anunciou un plan especial de rozas nos meses de verán para a prevención de incendios. Esta programación intensiva se sumará así as rozas e limpeza de cunetas programadas polo Concello de Ferrol para os meses de maio e xuño, a primeira; e para despois do verán, a segunda.

O alcalde de Ferrol resumiu as actuación do Plan de Barrios máis destacadas levadas a cabo estes días en Doniños e Valón.

– Reparación de 21 fochancas na estrada de Vilabuíde.

– Limpeza de colectores de lixo de todas as zonas, así como reparación ou substitución dos danados.

– Limpeza e mantemento dos lavadoiros de Valón Vello, Mougá e O Pereiro; así como da fonte de Vilabuíde, Fontemaior, A Fonte, Da Fraga, Quijote, A Croa e Vilar.

– Colocación de suxeita-colectores diante da AVV San Román e do Bar “Cholas”.

– Tarefas de pintado e sinalización en pasos de peóns, stops en Doniños e cedas coas súas liñas de freado no Brión.

– Tarefas de roce en Doniños dun total de 7.204 metros lineais de marxes de camiños.

– Limpeza de columnas de luz e substitución de 8 difusores rotos ou en mal estado.

– A empresa Emafesa realizou tarefas de mantemento tanto correctivo como preventivo e control de calidade: cambio de tapa e revisión de válvulas; inspección e limpeza de sumidoiros; detección de fugas e filtracións; e monitoreo de presións e analíticas.

– Traballos de mantemento de zonas verdes, sega, e retirada de vexetacións en: Paseo Marítimo, Mirador de Outeiro e Xardineira do Lavadoiro na parroquia de Doniños. Tarefas de sega no monumento del hígado e poda no parque posterior ao edificio da Asociación de Veciños de Valón.

– Revisión do funcionamento e o estado dos xogos nos parques infantís das dúas parroquias. Ademais de realizarse limpeza dos areeiros e reposición de randeeiras.

31 de maio de 2013 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.