O alcalde de Ferrol asina o convenio nominativo co Ferrol Club Baloncesto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesFerrolLocal
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, asinou esta tarde cos responsables  do Ferrol Club Baloncesto, presidido por Jose Rilo, o convenio anual polo cal se formaliza a achega económica de 56.525 euros que a Administración municipal concede a o club de baloncesto da cidade que disputa a máis alta categoría nesta modalidade deportiva: a liga EBA. O acto tivo lugar nas oficinas do Ferrol CB, situadas no pavillón polideportivo da Malata, e ao mesmo tamén asistiu a concelleira de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós.

Rey Varela manifestou o seu desexo de que esta achega económica do Concello de Ferrol permita “afianzar o proxecto deportivo do Ferrol Club Baloncesto, máximo representante da cidade nesta modalidade deportiva”. Ao respecto, o primeiro edil da cidade lamentou que o equipo departamental “non teña conseguido este ano a clasificación para as eliminatorias do ascenso, pero confío en que a sorte sexa máis propicia na vindeira tempada e que por fin acade o ascenso de categoría, xa que o baloncesto ferrolá merece estar no máis alto por historia, tradición e afección”. E, ao fío disto, o rexedor ferrolán quixo trasladar unha mensaxe de ánimo a directiva, técnicos e xogadores para que continúen co traballo que están a facer a prol do baloncesto na cidade, tanto o de alta competición como no ámbito do deporte base.

Ademais, o alcalde destacou a importancia que ten para o Goberno Municipal que preside apoiar ás entidades e clubs deportivos da cidade, posto que estes “tamén contribúen a difundir a imaxe e a marca Ferrol”. Neste sentido, Rey Varela aportou algúns datos que poñen de manifesto a importancia que ten o deporte en Ferrol, unha cidade que conta con máis de 300 clubs e acolle cada ano máis de 100 eventos.

6 de maio de 2013 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.