publicidade hoxe

O alcalde de Ferrol anuncia a contratación do proxecto para a reurbanización da praza Río do Tronco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela desprazouse este mediodía o Ensanche A, acompañado dos concelleiros de Urbanismo e de Servizos e Medio Ambiente, Guillermo Evia e Borja Carro, respectivamente. O obxecto desta visita foi comprobar, xunto cos representantes veciñais, as actuacións de mellora feitas polos servizos municipais e empresas que traballan para a Administración local  ao abeiro do Plan de Barrios, que se centrou esta semana nesta zona.

Ademais, o alcalde aproveitou o percorrido polas rúas do Ensanche A cos veciños para anunciar unha actuación urbanística no barrio: a transformación do entorno de Río do Tronco, hoxe unha parcela degradada que é empregada como aparcamento de vehículos, nunha auténtica praza veciñal. Ao respecto, Rey Varela comprometeuse cos veciños en que a vindeira semana o Concello de Ferrol iniciará a contratación do proxecto para a reurbanización deste punto do Ensanche A, no que o Goberno Municipal prevé investir ao redor de 424.000 euros. “Unha vez adxudicada a redacción do proxecto este deberá estar rematado nun prazo de 3 meses, o que daría paso á licitación do mesmo co obxectivo de que a reurbanización de Río do Tronco sexa unha realidade neste mesmo mandato”, apuntou Rey Valera. Ademais, o primeiro edil da cidade subliñou que a mellora deste entorno “é unha das intervencións previstas no Ensanche A dentro do proxecto de cidade Ferrol 2020 e, ademais, é unha demanda veciñal de moitos anos”.

No que atinxe ás intervención do Plan de Barrios acometidas estes días no Ensanche A, cómpre salientar que ás tarefas de limpeza; coidado de zonas verdes e parques; iluminación e mantemento das redes de abastecemento e saneamento; uniuse esta semana a de pintado e sinalización. O conxunto dos traballos executados nos últimos días no Ensanche A están valorados en ao redor de 20.000 euros.

10 de maio de 2013 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.