publicidade hoxe

O alcalde de Ares recibe a unha representación do municipio francés de Arès

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAresLocalLocal Portada
A-
A+

O alcalde de Ares, Julio Iglesias, recibía esta mañá no seu despacho a unha delegación procedente do municipio francés de Arès, unha poboación francesa ubicada no departamento de Gironda, no distrito de Arcachón, coa que previamente houbo contactos para iniciar unha serie de relacións de colaboración. Os representantes deste concello galo chegaban unha hora antes a bordo dun catamarán ao porto local, no que permanecerán atracados durante os vindeiros días.

Neste encontro, Iglesias e a delegación francesa, cos que intercambiaron agasallos típicos de cada un dos territorios, abordaron o inicio dunha colaboración que se selará en vindeiras datas coa sinatura dun irmanamento baseado na colaboración e intercambio cultural, dado que os dous municipios, como destacou o rexedor socialista, comparten moitas cousas. Ademais dun número de habitantes moi similar (os dous superan os 5.000 habitantes e non chegan aos 6.000), ambas poboacións teñen unha costa moi interesante, que atrae cada ano a miles de turistas, sen rexeitar en ningún dos casos a súa respectiva orixe pesqueira (no caso de Arès, atópase nunha zona moi coñecida pola calidade das súas ostras).

Así as cousas, o alcalde informou de que tanto o propio Concello como o Club Náutico desenvolverán as accións oportunas cos seus homólogos franceses (e homónimos neste caso tamén) para poder concretar este irmanamento.

27 de maio de 2013 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.