O alcalde abre este martes a primeira das xornadas sobre enoturismo Rías Baixas, no Pazo de Rubiáns
O alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, inaugurará mañá, ás 16,30 horas da tarde, a primeira das xornadas de Enoturismo Rías Baixas que se van celebrar en sucesivas semanas no pazo de Rubiáns. Xunto con rexedor vilagarcián, no acto de apertura participará tamén Juan Gil de Araújo, presidente do consello regulador da D.O. Rías Baixas e así mesmo da Ruta do Viño Rías Baixas.
Na xornada de mañá participarán expertos en Turismo da Deputación de Pontevedra, e da Xunta de Galicia, bodegueiros, hostaleiros e comerciantes. Entre os expertos participantes están os xerentes de Turgalicia, Carmen Pita, ou de Martín Códax, Juan Vázquez, ou o enxeñeiro agrícola que dirixe Pazo de Rubiáns, Guillermo Hermo. Tralas curtas ponencias sobre aspectos específicos da Ruta –situación actual do enoturismo, estratexias de turismo, experiencias, etcétera- a xornada concluirá cun coloquio e posta en común das distintas iniciativas.
Os obxectivos cos que nace nestas xornadas son promover un maior coñecemento do Salnés por parte dos propios participantes na ruta do viño; servir como foro de debate entre os membros da Ruta e as diversas administracións implicadas na súa promoción; fomentar a cultura do viño e o enoturismo no Salnés; e promover novas iniciativas, propostas e colaboracións que aproveiten as sinerxias que poidan darse entre establecementos.
A promoción e aproveitamento das sinerxias entre os distintos sectores implicados no desenvolvemento turístico de Vilagarcía e do Salnés é, precisamente, unha das ideas nas que máis insiste o alcalde vilagarciá. De aí o interese de Tomás Fole de asistir a esta xornada de reflexión e debate sobre a ruta do viño Rías Baixas, na que o Concello de Vilagarcía participa como membro que é da Denominación de Orixe.











