Nova reunión entre Concello de Tui e Dirección Xeral de Patrimonio para avanzar na aprobación do Pepch de Tui
O pasado venres tivo lugar nos Edificios Administrativos de San Caetano unha nova xuntanza entre o Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, e a nova Directora Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, María del Carmen Martínez Ínsua, nesta xuntanza abordaron o proceso de aprobación do Plan Especial do Conxunto Histórico de Tui.
Acompañaban ao rexedor tudense o concelleiro de conxunto histórico, un representante do equipo redactor e técnicos municipais; namentres que por parte da Consellería participaron xunto á Directora Xeral, a subdirectora e técnicos do servizo de planeamento.
No decurso da xuntanza foi abordado o proceso de redacción deste Plan Especial establecendo o acordo de desenvolver un proceso conxunto de traballo para aproximar as diverxencias existentes entre ambas administracións. Coincidiron todos os participantes na necesidade de avanzar neste proceso para acadar a aprobación deste importante instrumento de planeamento no máis breve prazo posible.
O Alcalde de Tui amosou a súa satisfacción pola boa disposición da Dirección Xeral que entende a existencia dunha nova sensibilidade arredor do conxunto histórico tudense por parte do goberno municipal e como este Plan Especial é froito do traballo do equipo redactor e os técnicos municipais en base aos criterios de conservación deste ben patrimonial.
Neste mesmo mes haberá unha nova xuntanza entre os equipos técnicos da Dirección Xeral e o Concello para avanzar na converxencia dos criterios. Na actualidade tras o proceso de análise das alegacións presentadas polos veciños a este documento foron admitidas boa parte das mesmas, nunha porcentaxe superior ao 60%, que resolven xa en boa medida os requirimentos prantexados pola Dirección Xeral de Patrimonio no seu informe.
Para o rexedor tudense cómpre avanzar no traballo para recuperar os meses existentes de retraso por mor da interrupción derivada da ocupación da Casa do Concello polos afectados polas preferentes que impediron avanzar no traballo de elaboración deste Pepch, que será un elemento clave no proceso de conservación e revitalización do conxunto monumental impulsado con decisión polo equipo de goberno do Concello de Tui.