No pasado mes de abril sairon de Tui 346 peregrinos
No pasado de abril a cidade de Tui foi escollida por un total de 346 peregrinos para iniciar a súa peregrinación cara á Santiago de Compostela, sumándolle os que iniciaron a súa peregrinaxe en Valeça, 316, temos que da Eurocidade saíron cara a Compostela 662 peregrinos.
Neste mesmo mes de abril foron 2043 os peregrinos que realizaron o itinerario do camiño portugués que se consolida cada día como o segundo camiño de peregrinación, como alternativa ao Camiño Francés.
Os datos estatísticos deste mes de abril verbo doutros anos son menores ao celebrase este ano a Semana Santa no mes de marzo, pois nestas datas sempre existe un importante fluxo de peregrinos.
Para os responsables municipais estes datos testemuñan como a peregrinación xacobea é un recurso turístico e cultural de primeiro orde na nosa cidade pois aporta un importante número de visitantes que percorren as rúas do noso conxunto histórico.
Tamén amosan a súa satisfacción pola consolidación da nosa cidade como a auténtica porta de entrada en Galicia do camiño portugués como ven reflectido nos datos estatísticos aportados. Os peregrinos que preparan o seu itinerario de peregrinación escollen, en bo número, a Tui como lugar de inicio do seu camiño ou como etapa da súa peregrinaxe tanto polos seus recursos turísticos e patrimoniais, coa Catedral como gran atractivo, como polos servizos de atención aos peregrinos que oferta este municipio.
Con estes datos facilitados pola Oficina de Estatística do Arcebispado de Santiago evidénciase, nunha nova oportunidade, a importancia que posúe a nosa cidade nos itinerarios xacobeos e como o Camiño portugués segue gozando dun alto atractivo para os peregrinos que percorren esta ruta histórica de peregrinación que ten en Valença e Tui o seu lugar de entrada en Galicia.