Nigrán oferta oito campus deportivos para este verán

Presentación dos campus deportivos
O Concello de Nigrán presentou hoxe en rolda de prensa a segunda edición dos campus deportivos de verán, unha iniciativa posta en marcha en colaboración cós clubs deportivos do municipio, Coca Cola, Gadis e BNova. Á oferta deportiva da súa primeira edición, na que figuraban fútbol, tenis, piragüismo, surf, baloncesto e BTT, súmase o pádel, que se impartirá nas novas pistas situadas nas instalacións deportivas Dunas de Gaifar, en Panxón.
En total, na súa segunda edición o concello ofertará até 490 prazas para nenos de entre 4 e 18 anos, repartidas en oito campus deportivos, que se celebrarán entre o 24 de xuño e o 16 de agosto de forma ininterrompida, en distintos puntos do municipio. “Entre os obxectivos dos campus deportivos destacan a conciliación da vida laboral e familiar, cubrindo practicamente o 100% dos meses de verán, así como promover a práctica do deporte como un estilo de vida, especialmente entre os máis pequenos”, sinalou o rexedor municipal, Alberto Valverde.
Así mesmo, agradeceu a colaboración e aposta en firme dos clubs deportivos do municipio a esta iniciativa. “O apoio dos clubs municipais e de outras institucións permítenos completar a axenda de deportiva estival para locais e visitantes, axudando ás familias a encaixar mellor o día a día das familias co traballo, e con todas as garantías de calidade que ofrecen as entidades deportivas colaboradoras, todas elas federadas e cunha importante traxectoria ás súas costas”, observou.
O programa
A oferta deportiva destes campus foi deseñada de forma conxunta pola concellaría de Turismo, Cultura e Deportes do Concello de Nigrán e os clubs deportivos locais: a Escola Municipal de Surf de Nigrán, Airexa Baloncesto Nigrán, E.D. Val Miñor, Club de Tenis de Nigrán, Club Piragüismo Val Miñor, Racing Club Vilariño e Monteferro Bike Club. Entre todos, desenvolveuse un programa técnico e lúdico, orientado a alcanzar unha uniformidade dentro da variada oferta deportiva á que poderán acceder tanto locais como visitantes este verán.
Así, o oito campus deportivos desenvolveranse entre a última semana de xuño e os meses de xullo e agosto, en horario de 10.00 a 13.00 ou 14.00 horas, dependendo do campus. Así mesmo, “os alumnos inscritos contarán coa presenza de monitores e deportistas de primeiro nivel nas distintas modalidades deportivas, que desde un enfoque ameno, divertido e didáctico transmitirán as súas experiencias e coñecementos aos alumnos”, sinalou a concelleira de Turismo, Cultura e Deporte, Liliana Silva.
Prezos e descontos
A organización dos campus estableceu un prezo moi competitivo para aqueles pais interesados en que os seus fillos participen en todos os campus deportivos de Nigrán, o que permitirá estar a practicar deporte durante sete semanas a un prezo moi alcanzable. Os prezos dos mesmos oscilan entre os 40 e os 75 euros, dependendo a modalidade deportiva e da vinculación do alumno co club organizador.
Neste sentido, contémplanse prezos especiais para aqueles nenos que participan en tres ou máis campus, máis concretamente, un desconto de 10 euros por campus, así como prezos especiais para os socios das entidades deportivas colaboradoras.
Ademais, en todos os campus deportivos os asistentes recibirán equipamento deportivo así como unha merenda a media mañá para repor forzas, grazas ao esforzo realizado polos patrocinadores dos campus, Begano-Coca Cola, BNova e GADIS.
Para máis información e inscricións, os interesados deberán dirixirse á Oficina de Turismo Dunas de Gaifar, en Panxón, ao teléfono 986 368 734 ou ao correo ao correo electrónico oficinaturismo@nigran.org.