Nigrán destinará máis de 200.000 euros a mellorar a rede de saneamento en Porto do Molle
O pleno municipal acordou hoxe destinar máis de 200.000 euros a saneamento na contorna do parque empresarial, que permitirán mellorar a calidade ambiental da contorna de Porto do Molle e do Río Muiños. Esta actuación, consistente na instalación dun tanque de tormentas ao longo do caudal, financiarase co remanente da adxudicación da fase de remate final da urbanización da Rúa San Roque, uns fondos provenientes da compensación urbanística de Porto do Molle.
“A execución deste proxecto permitirá mellorar a rede de saneamento municipal, á vez que mellorar a calidade medio ambiental da contorna do Río Muiños, ao longo da súa canle e por tanto tamén na súa desembocadura en Praia América”, observou o rexedor municipal.
Para coñecer as características específicas das dimensións do tanque e a súa localización exacta será necesario a realización dun proxecto específico, pero o informe apunta á instalación dun tanque subterráneo de 10×5 metros, “optando sempre pola solución técnica máis adecuada para conseguir a integración paisaxística da instalación”, apuntou o alcalde de Nigrán na súa intervención.