Nigrán conmemora o Día das Letras Galegas cunha exposición de códices antigos, actuación de corais e unha homenaxe a Vidal Bolaño
O Concello de Nigrán propón para conmemorar o Día das Letras Galegas unha serie de actos que renden homenaxe á cultura no seu conxunto, e en especial a todas aquelas persoas que achegaron o seu gran de area para manter viva a tradición e a cultura galega, e en particular ao homenaxeado este ano, o dramaturgo, actor e escritor, Roberto Vidal Bolaño.
O Salón de Actos municipal albergará até o vindeiro martes 21 de maio a II Exposición de Códices Antigos, inaugurada onte coa presenza do alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, a concelleira de Turismo, Cultura e Deporte, Liliana Silva, Bieito Ledo, escritor e fundador da editorial Ir Indo, Francisco Vidal, bibliógrafo local e principal artífice desta iniciativa, e máis de sesenta veciños do municipio, que non se perderon a oportunidade de ver de preto o medio centenar de xoias da literatura que alberga o salón.
Entre os libros expostos atópanse máis dunha ducia de facsímiles de códices como o Calixtinus da Universidade de Salamanca ou o da catedral de Santiago de Compostela, o Granatensis, o Atlas de Ptolomeo, os libros I e II das Cantigas de Santa María e o Lapidario, de Alfonso X O Sabio, o Beato de Xirona, o Breviari d´Amor ou a Condesa de Bertiandos, son algúns dos facsímiles que se poderán apreciar nesta mostra.
A exposición complétase cunha trintena de libros, revistas e curiosidades documentais que forman parte da historia e a cultura galega dos últimos 200 anos, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas. “Con esta exposición, lembramos e recoñecemos o labor e achega á cultura galega non só de Roberto Vidal Bolaño, senón de todas aquelas persoas que ao longo da nosa historia, e especialmente nos últimos 200 anos, loitaron por manter o noso espírito e a nosa cultura”, sinalou Valverde.
Charla de Méndez Ferrín
Así mesmo, e no contexto da II Exposición de Códices Antigos Concello de Nigrán, o vindeiro luns 20 de maio, o escritor e político Xosé Luís Méndez Ferrín ofrecerá ás 20.00 horas no Salón de Actos municipal unha charla, na que realizará un percorrido pola historia dos códices en particular, e da literatura universal en xeral.
Homenaxe a Vidal Bolaño
Pola súa banda, a Asociación Cultural e Veciñal de Monteferro realizará o vindeiro domingo 19 de maio ás 19.00 horas na súa sede social unha homenaxe ao escritor e dramaturgo galego, cun recital poético a cargo de Milagros Ferreira e a actuación do grupo de pandereteiras Airiños do Sobreiro, de Borreiros.
Corais en O Torreiro
O Centro Cultural O Torreiro, de Priegue, organiza con motivo do Día das Letras Galegas unha tarde de corais a partir das 20.30 horas, coa actuación da coral Novos Aires, dirixida por José Alfredo Oliveira, e de Agrupación Coral Atlántida de Matamá, baixo a batuta de Enrique Lorenzo.