publicidade hoxe

Nigrán acollerá o IV Encontro Minho-Galaico de Vespa e Lambretta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalLocal PortadaNigrán
A-
A+

O municipio miñorano de Nigrán será o fin de semana da ponte das Letras galegas capital internacional dos afeccionados ao mundo das motocicletas, coa celebración do IV Encontro Minho-Galaico de Vespa e Lambretta.

Este evento internacional, organizado por Vespamiñor Scooter Club en colaboración co Concello de Nigrán, prevé congregar nun fin de semana 250 amantes das Vespas e as Lambrettas, procedentes de Galicia, Portugal e outros puntos da península ibérica, como por exemplo, Almería. Os participantes poderán coñecer dende as súas “dúas rodas” Nigrán e os outros dous municipios do Val Miñor, “unha oportunidade única para mostrar os encantos e atractivos turísticos da bisbarra”, subliña o rexedor municipal, Alberto Valverde.

Este evento internacional, que se celebra un ano en Galicia e o seguinte en Portugal, representa a unión de dous pobos irmáns a través dunha filosofía de vida, o vespismo. Ademais das paraxes dos tres municipios miñoranos, os asistentes realizarán excursións ás Illas Cíes, aos castros de Santa Tecla e á Serra da Groba, ao tempo que gozarán da gastronomía e o ocio nocturno local, en distintos locais do municipio.

Tras o éxito das “Voltas ao Val Miñor” organizadas por Vespamiñor Scooter Club, esta colectivo dá un paso máis ao internacionalizar o evento, coa participación de afeccionados a estas motocicletas procedentes do país veciño. O alcalde de Nigrán aplaude esta iniciativa, e anima a outros colectivos a coordinar actividades tendo en conta o país veciño. “Tanto por proximidade como por afinidade cultural, Portugal é un público obxectivo moi importante para a actividade turística e hoteleira da zona”, subliña.

Os amantes das Vespas e Lambrettas interesados en participar poden poñerse en contacto co club organizador a través do correo electrónico vmscooterclub@gmail.com ou no teléfono 686 95 55 39. O prezo da inscrición é de 25 euros, e inclúe acampada gratuíta no Cámping Praia América, bolsa de benvida, visita ás Illas Cíes e refrixerio e almorzo e xantar do día 19.

13 de maio de 2013 | 13:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.