Negreira celebra a decisión de General Dynamics e advirte de que toca seguir traballando para lograr un proxecto viable
O Alcalde da Coruña, Carlos Negreira, celebrou a decisión de General Dynamics de pospoñer ata o próximo 30 de xuño os despedimentos forzosos do equipo da Fábrica de Armas, tal e como lle solicitaran en reiteradas ocasións tanto o Goberno local como os traballadores. Aínda así advertiu de que nada está gañado e que hai moito traballo por diante: “É unha boa noticia, pero agora hai que traballar moito para conseguir un proxecto viable para a factoría”, asegurou.
Carlos Negreira recordou que foron uns meses moi duros, xa que a multinacional se mostrou, dende un primeiro momento, firme na súa decisión de pechar a Fábrica de Armas, insistindo en que non había volta atrás: “Manter este raio de esperanza non foi doado, foi o resultado da loita, o sacrificio e a fronte común de todos,” sinalou. Neste sentido, o rexedor valorou o comportamento exemplar de todos e cada un dos empregados: “O que se conseguiu foi grazas a uns traballadores exemplares que mantiveron a produción e lle puxeron moito empeño”, afirmou e destacou que na Coruña, ao contrario que noutras fábricas do grupo que están nunha situación similar, non se produciu ningún despedimento forzoso, senón baixas voluntarias dalgúns traballadores. Tamén se referiu ao apoio, dende o primeiro momento, tanto da Xunta coma de toda a corporación municipal.
Sobre o futuro da factoría, Negreira fixo fincapé no esforzo e traballo que haberá que facer nestas próximas semanas: “Neste prazo que General Dynamics concedeu temos que intentar deseñar un novo modelo que sexa viable. Niso estamos a traballar co equipo tanto dende a Xunta coma dende o Concello”. O alcalde insistiu en que existe unha oportunidade que hai que aproveitar para “manter o emprego industrial e poder ir a máis, se sabemos traballar ben”, en referencia á posibilidade que existe dunha cesión do equipamento tecnolóxico por parte de General Dynamics.











