publicidade hoxe

O XX Festival do Río Castro e degustación de carrilleiras copan a axenda de lecer en San Sadurniño para a fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalSan Sadurniño
A-
A+

Nesta última fin de semana de maio as parroquias de Naraío e Lamas ofrecen dúas opcións coas que encher o tempo de lecer. Na primeira preséntase o sábado a XX edición do festival do Río Castro, mentres que a segunda acollerá o domingo a VII feira da Artesanía e degustación de carrilleiras.

A Asociación de Veciños O Castelo de Narahío organiza de novo o festival do Río Castro, que en 2013 chega ás vinte edicións. O festival celebrarase o 6 de xullo no lugar da Bóla, pero a asociación xa o ten todo pechado e agora toca o labor de promoción. Estase convertendo en tradición presentar o evento a finais de maio mesturando música, deporte e gastronomía. 

Así, este sábado a partir das 17.00 arrancarán no local social da Veiga -ao pé do campo de fútbol de Naraío- as actividades de presentación do evento. A esa hora haberá un campionato de brilé con premios para os campións e subcampións. Cara ás 19.00h, Xavier Blanco -O Gaiteiro de Moaña- ofrecerá un concerto didáctico empregando o que el denomina “instrumentos pobres”. Potas, sachos, fouciños… todo lle serve para facer música tradicional dunha calidade sorprendente. 

Tralo concerto, a iso das 20.00h, O Castelo de Narahío desvelará o programa do festival. A directiva garda con celo o nome dos grupos deste ano. Para manter o suspense só dixeron que o próximo 6 de xullo “haberá sorpresas” en canto a quen subirá ao escenario da Bóla. A presentación do festival prolongarase ata ben entrada a madrugada, xa que a asociación ofrecerá de balde pinchos de xamón escaldado e ten organizada unha repichoca popular aberta a quen queira tocar ou botar unha cantada.

Artesanía e carrilleiras en Lamas

Cómpre gardar folgos da cita de Naraío porque o domingo hai cita en Lamas. A asociación de veciños Xuntanza celebra a VII feira da Artesanía e degustación de carrilleiras. Ás 11.30 o alcalde está convidado pola organización para inaugurar oficialmente a feira e darlle paso ao pregoeiro, o xornalista Xosé Manuel Orriols. 

A feira está concibida como unha mostra ao vivo dos labores tradicionais a través de obradoiros nos que traballan distintos artesáns. Ademais, tamén haberá postos para mercar os obxectos e produtos da terra. 

Cara ás 14.00h. empezará a servirse o menú da feira: carrilleiras, empanadas, requeixo, proia, viño e café. As persoas adultas pagarán 12 euros, os nenos e nenas entre 6 e 12 anos terán un prezo reducido de 8 euros e os máis pequenos xantarán gratis.

A música correrá por conta do Dúo Galicia, que fará dous pases: un ao mediodía e outro a partir das 18.00h. Festa asegurada.

24 de maio de 2013 | 10:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.