publicidade hoxe

Mos emprende accións formativas para concienciar sobre a necesidade da reciclaxe do aceite usado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMos
A-
A+
Reunión con representantes de Nutrigras-PMA

Reunión con representantes de Nutrigras-PMA

A concelleira de Medio Ambiente mosense, Julia Loureiro, reuniuse hoxe con representantes da empresa Nutrigras-PMA, empresa mosense situada na estrada Puxeiros-Peinador que se encarga da recollida e xestión gratuítas do aceite usado depositado nos contedores específicos para tal fin dos que dispón o Concello de Mos.

O motivo do encontro desta mañá foi a ampliación do acordo de colaboración entre empresa e administración local, co incremento dos servizos prestados pola primeira mediante iniciativas de formación e concienciación medioambiental.

En primeiro lugar, Nutrigras-PMA impartirá, a partir da vindeira semana en tódolos centros educativos de Mos, charlas sobre a reciclaxe de aceite vexetal. A primeira delas realizarase o próximo luns, día 20 de maio, a partir das 09.30 horas no CEIP de Petelos para os alumnos de 5º e 6º cursos de Educación Primaria.

Este labor formativo non se restrinxe só ós escolare mosenses, senón que se organizarán tamén charlas de concienciación medioambiental para o público en xeral, formación específica para persoal municipal coma os traballadores do departamento de Medio Ambiente ou a Policía Local; así coma talleres infantís de manualidades coa pretensión de concienciar tamén ós máis pequenos. Mediante calquera destas accións formativas o que se pretende é concienciar ó receptor da importancia das ‘tres erres medioambientais’ respecto de calquera producto ou material reciclable: reducir, reutilizar e reciclar.

Por último, outra das liñas de colaboración coas que a empresa pretente ampliar ó convenio de servizos ó Concello é a potenciación da reciclaxe de aceite usado no municipio mediante a instalación de máis puntos onde os particulares poidan desfeitalo, en concreto a súa intención é a de colocar contedores de aceite usado nos que se poidan introducir directamente botellas co contido. Nestes momentos xa hai instalado un destes contedores a modo de proba na Avenida de Sanguiñeda, dentro do supermercado Eroski.

Para concluir, a edil Julia Loureiro quere lembrarlles ós veciños e veciñas de Mos que “teñen á súa disposición ó longo do termo municipal contedores específicos de aceite usado, cuio uso se agradece, e rogarlles que no momento de utilizalos non deixen as botellas fóra dos mesmos”.

15 de maio de 2013 | 13:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.