Miles de persoas déronse cita para degustar 2.000 quilos de troita na festa gastronómica de Ponte Caldelas
O Concello de Ponte Caldelas converteuse durante este fin de semana na capital turística de Galicia como o acredita a grande afluencia de visitantes á XLVII edición da Festa da Troita na que o Concurso Internacional de Pesca, as actuacións musicais e o encontro folclórico entre Galicia e Portugal se uniron á degustación dun 2.000 quilos de troita para favorecer a presenza de miles de persoas na Alameda da vila.
O compromiso do Concello de Ponte Caldelas cunha festa sostible e en harmonía co medio contribuíu a que a presente edición deste evento se caracterice por unha maior colaboración do público asistente para favorecer a recollida selectiva dos desperdicios da festa. Así, os “Axentes Verdes”, do Centro Penitenciario da Lama e da Fundación Xoán XXIII actuaron de xeito coordinado coa organización para informar os asistentes ao evento da situación do Punto Limpo e do seu correcto uso.
Ademais, volveu funcionar de xeito extraordinario a integración dos equipos humanos formados por internos da prisión da Lama, con voluntarios, alumnos da Fundación Xoán XXIII e persoal municipal contribuíndo así a fomentar a eliminación de barreiras cara á integración social de persoas con minusvalidez psíquica e tamén daqueles cidadáns que están a rematar de cumprir coas súas obrigas coa sociedade.
FESTA POPULAR DE GRANDE IMPLICACIÓN SOCIAL E CIDADÁ
Outro dos obxectivos do Concello de Ponte Caldelas foi converter esta festa nun motivo de encontro e desfrute familiar e para iso, para axudar a combater os efectos da crise e permitir que o maior número posible de persoas puidesen gozar do evento, o postos de degustación puxo á venda un lote de troitas, pan e viño a uns prezos populares de tan só 4 euros. A abundancia das porcións e o baixo importe destas fixeron que as dúas toneladas de troitas preparadas fritas ou en escabeche fosen degustadas por un público que gozou dun fin de semana pleno de actividades lúdicas, culturais, deportivas, gastronómicas e de encontro harmónico coa natureza.
Así mesmo, o alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, destacou e agradeceu a implicación de colectivos e entidades sociais do municipio para que o programa lúdico e musical que se desenvolve durante os días da festa resultase todo un éxito de participación e entretenimieto. Así, retirou o seu parabén polo éxito alcanzado á Escola de Bailes Tradicionais Trouleada de Ponte Caldelas, ao grupo de baile moderno do Colexio Público A Reigosa e ás Mulleres Rurais Aires do Norte e Olé, os cales de xeito altruísta ocuparon cos seus espectáculos de música e baile a tarde do sábado. Previamente, o venres, a Coral Valdarrosa logrou abarrotar o salón de actos do Colexio Cordo Boullosa co seu tradicional Certame Coral que reuniu ás mellores voces da Polifónica de Arbo, San Xoán de Serres (Muros) e a anfitriona, Coral Valdarrosa (Ponte Caldelas) nun acto que serviu de posta de longo para o novo director da agrupación musicial, Iván Gulín Porto.
Mención especial tivo tamén o alcalde Perfecto Rodríguez para o Grupo Folclórico Os Coribantes de Buchabade os que volveron alcanzar un abarrotamento de público na Alameda de Ponte Caldelas co seu VI Festival de Baile e encontro entre o folclore galego e portugués. O rexedor agradeceu tamén a participación dos grupos Santo António de Vagos, de Aveiro (Portugal), a Asociación Cultural Buxainas de Cedeira (A Coruña) e de Airiños dá Lagoa, de Baiña (Baiona).
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, felicitou así mesmo á Delegación de Pontevedra da Federación Galega de Pesca polo éxito alcanzado na celebración do Concurso Internacional de Pesca que cumpriu con todas as expectativas alcanzando unha cifra de participación próxima ao centenar de afeccionados á pesca deportiva que, nesta ocasión, se celebrou na práctica totalidade do torneo baixo a modalidade de “pesca sen morte”.
Perfecto Rodríguez agradeceu moi especialmente á organización e voluntarios do posto de degustación coordinado por Enrique Lafuente pola súa colaboración imprescindible no éxito deste evento que concitou en Ponte Caldelas non só o interese de veciños e residentes nos municipios próximos senón de toda Galicia e norte de Portugal, así como tamén ao persoal do Concello de mantemento e limpeza.
REVULSIVO PARA O PEQUENO COMERCIO E A HOSTELERIA EN TEMPOS DE CRISE
Finalmente, o alcalde de Ponte Caldelas mostrouse satisfeito cos resultados en materia de promoción e dinamización que a presente edición da Festa dá Troita supuxo para o pequeno comercio e, sobre todo, a hostalaría local nestes tempos de crise.
Segundo confesa Perfecto Rodríguez, “ante a disxuntiva de seguir apostando por este tipo de eventos, en momentos de dificultade económica, ou deixar de facelos, decidimos seguir adiante, cunha visión moi austera dende o punto de vista do gasto que temos que afrontar, pero sendo moi conscientes de que este evento é en si un investimento colectivo en materia de promoción turística do noso municipio e un revulsivo económico para todo Ponte Caldelas producido a través do retorno económico que xera no pequeno comercio e a hostalaría, que, de non se facer, se perdería. É unha oportunidade que temos que aproveitar para xerar emprego, axudar ás nosas familias e revitalizar o tecido económico do noso municipio”.











