Máis de 1.000 deportistas participarán na II Eurocidade BTT e na Eurocidade 10
Máis de mil deportistas van participar na II Eurocidade BTT e na II Eurocidade 10 que se van celebrar o domingo 26 de maio e o domingo 9 de xuño entre Tui e Valença. Estas probas deportivas foron presentadas hoxe polo vereador de Desporto de Valença, José Monte, o concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, xunto ao director da marcha Eurocidade BTT e secretario do Club Biciosos, Eduardo Fernández, e o presidente do Club Atletismo Tui –Thermalia, Rafael Pérez.
José Monte, vareador de Deporto de Valença, salientou que estas dúas actividades forman parte do proxecto deportivo da Eurocidade, engadindo que o seu obxectivo segue a ser “a promoción das actividades deportivas”. Pola súa banda o concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, felicitou aos clubs organizadores destas dúas actividades indicando que van reunir a máis de 1000 deportistas, e fixando coma reto en próximas edicións poder superar os dous mil participantes.
Eduardo Fernández, director da marcha BTT que organiza o Club Biciosos e na que colabora o BTT Monte Faro, explicou os tramos a realizar nos 45 quilómetros de percorrido. A saída será ás 9.30 hora española do Paseo da Corredoira para atravesar pola Ponte Internacional ata Valença, continuar polas murallas, e subir ao Monte Faro, onde haberá trialeiras espectaculares, xunto a unha alternativa máis doada para os que están comezando na BTT. Regresarán pola beira do Miño, cruzando de novo a Ponte Internacional, percorrerán o Paseo Fluvial e dende San Bartolomé ascenderán ata o Monte Aloia. Precisamente no Monte Aloia haberá un enlace no quilómetro 26 para os que desexen acurtar o percorrido en 6 quilómetros. No Paseo da Corredoira haberá amais cinco carpas cunha exhibición das mellores marcas de bicicletas por parte de empresas colaboradoras. A inscrición na II BTT Eurocidade ten un un prezo de 5€ tanto para deportistas federados coma non federados.
Por último Rafael Pérez, presidente do Club Atletismo Tui, deu conta dos detalles da II Eurocidade 10 que se vai celebrar o domingo 9 de xuño. A saída será ás 11 hora española dende Valença, cruzará ata Tui, e volverá a Valença. Rafael Pérez explicaba que con esta proba amais de promocionar o deporte tamén se poñen en valor os elementos privilexiados que teñen os dous municipios coma o río Miño, as murallas, o conxunto histórico… Os atletas terán hora e media para completar o percorrido dos 10 quilómetros. A inscrición pode facerse en Champions Chip Norte cun custo de 3€. A carreira terá tamén a súa faceta solidaria xa que parte da recadación será doada a un proxecto solidario de Valença.