Mellora na recollida selectiva de residuos no Concello de Cerdedo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedoLocal
A-
A+

Grazas ás políticas aplicadas en materia de reciclaxe por parte do goberno local e ás numerosas campañas de sensibilización que se realizaron, os veciños de Cerdedo incrementaron no último ano un 9,5% o número de quilos depositados no colector amarelo

Segundo os datos emitidos pola empresa encargada da recollida, durante 2012 os cerdedenses depositaron un total de 20.378 quilos nos colectores amarelos (destinados a envases) o que supuxo un 9,5% máis que o ano anterior, malia a crise que se rexistrou no consumo. Paralelamente a porcentaxe de “impropios” no último trimestre de 2012 baixou ao 20,15%, o que indica que a concienciación dos veciños vai en aumento á hora de separar correctamente os residuos domésticos e que iso repercute positivamente na facenda municipal.

Segundo os datos facilitados pola empresa Residuos Ambientais de Galicia, encargada da xestión e recollida do colector amarelo no Concello, durante 2012 os cerdedenses depositaron no devandito colector un total de 20.378 quilos, fronte aos 19.387 quilos que se retiraron en 2011, un 9,5%.

Con ser importante este aumento no número de quilos, éo moito máis a implicación dos veciños para a redución de “impropios”, que a 31 de decembro de 2012 se situaron no 20,15% fronte ao 38,77 rexistrado no primeiro trimestre de 2011. Isto supón un aforro para o Concello, xa que non ten que facer fronte á penalización que supoñía pasar o 30% de “impropios” e reduce o volume de residuos enviado ás plantas de transferencia.

Dende o Concello insístese, a través de distintas campañas, en que é preciso unha maior concienciación cidadá, porque aínda se observan, segundo os estudos que se efectúan periodicamente, deficiencias conceptuais, sen dúbida provenientes de erros á hora de separar os residuos que se depositan neste colector e por iso é preciso unha maior atención para a mellora do medio e en consecuencia para optimizar a reciclaxe dos residuos e desta forma reducir custos.

Máis quilos e menos impropios

O obxectivo que se fixou o Concello é dobre. Por unha parte pretende mellorar a información sobre os residuos que hai que depositar no colector amarelo aumentado o seu volume, e, por outra incidir na redución dos “impropios” (así defínense aqueles materiais depositados erroneamente no colector amarelo), co fin último de incrementar a “calidade” da recollida selectiva e posibilitar unha mellora global do sistema de reciclaxe dos envases.

O colector amarelo ou de envases lixeiros está destinado á recollida dos envases lixeiros xerados nos domicilios, é dicir, nel débense depositar: envases de plástico (botellas de auga, botellas de refresco, bolsas de patacas fritas, envases de yogurt, bolsas de plástico de comercio, etc.), envases metálicos (como latas de refrescos, latas de conservas, bandexas de aluminio, tapas e tapóns metálicos de envases de vidro ou de frascos, etc.) e envases tipo brik (como os briks de leite, de zume, de tomate frito, etc.). Así pois, este é o colector de envases que non de plásticos, xa que certa parte da poboación asocia o colector amarelo ao de plásticos, e non todos os residuos de plásticos se deben depositar no colector amarelo, senón só aqueles que sexan envases lixeiros.

Entre os residuos “impropios” depositados erroneamente nos colectores de Cerdedo figuran xoguetes (moitos deles de plástico), pequenos electrodomésticos, cubos de fregona, mangueiras, roupa, cordas, almofadas, restos de obra, plásticos industriais, envases de herbicidas, envases de medicamentos, rodas, etc. que non son envases lixeiros, así como outros residuos que dispoñen de colector específico como vidro (colector verde), envases e caixas de cartón (colector azul), lixo orgánico e cueiros (colector normalmente de cor gris).

A presenza destes residuos “impropios” supuxo un incremento no custo da xestión e tratamento dos residuos xa que require efectuar un maior esforzo de separación e selección tras a recollida do colector, o que implica maior tempo e maior custo de xestión. Por este motivo, resulta fundamental a colaboración de todos os cidadáns que viven ou residen temporalmente en Cerdedo, para que esa redución de “impropios” que se rexistrou no primeiro trimestre deste ano siga por esta senda durante os próximos exercicios.

“Dende o Concello de Cerdedo queremos agradecer aos veciños do municipio a súa implicación neste proceso, que supuxo un aforro importante ás arcas municipais no ano 2012, e convócase a todas/vos as/vos veciñas/vos e visitantes a mellorar estes resultados en prol de afondar nesta actitude que leva consigo consigo o respecto ao medio e a sostibilidade, e tamén como se dixo, nun considerable aforro que beneficia a todos” declara o Alcalde.

12 de maio de 2013 | 12:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.