publicidade hoxe

Master class de bailes urbanos e VI Encontro de Deporte e Saúde en Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVerín
A-
A+

A sétima edición das Xornadas de Deporte e Saúde continúa este fin de semana en Verín coa realización dunha Master class de bailes urbanos e o sexto Encontro de Deporte e Saúde, que terán lugar mañá sábado 25 de maio.

Estas actividades, organizadas polo Concello de Verín e Asociación de Empresarios/as de Verín (AEVER)-CCU Verín, teñen por obxecto o desenvolvemento de políticas activas que melloren a calidade de vida dos/as veciños/as promovendo a saúde a través dunha alimentación saudable e a práctica de actividade física regular.

A primeira delas será unha Master Class de bailes urbanos a cargo de Eva Juan, finalista do programa televisivo Fama 2 “A Bailar”. Terá lugar nas prazas Maior e García Barbón, de 11 a 12 horas, e a mesma ademais de promover a saúde, a través do exercicio físico, busca incentivar o centro histórico da localidade e promocionar o comercio tradicional de Verín, xa que mentres os/as nenos/as teñen un espazo de lecer, os seus proxenitores poden realizar as compras diarias.

E xa de tarde, ás 17 horas, o complexo deportivo A Granxa acollerá o VI Encontro de Deporte e Saúde. Nesta iniciativa, na que tamén colaboran Saudeter e o programa ‘Estamos a Tempo’ do departamento de Servizos Sociais Comunitarios Básicos do Concello de Verín, está programada para asociacións rurais e de mulleres da provincia de Ourense, que desenvolven durante o ano actividades deportivas saudables, socios/as e alumnos/as de cursos de instalacións deportivas e centros sociais, e integrantes de colectivos participantes en actividades específicas como baile, tai chi, pilates ou ioga. Ao longo do VI Encontro de Deporte e Saúde, de carácter gratuíto e aberto a todo o público, terán lugar a realización de exhibicións de acrosport e obradoiros de pilates, zumba, baile, capoeira e aerobic. Ademais, o programa ‘Estamos a Tempo’ contará cun posto no que se ofertará información sobre este programa creado co obxecto de achegar  unha educación permanente que favoreza a calidade de vida, benestar físico e psicolóxico das persoas da terceira idade e dos/das seus/súas coidadores/as (está asentado en cinco módulos: recursos sociais, afectividade, cognitivo, autoaxuda e hábitos saudables).

24 de maio de 2013 | 12:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.