publicidade hoxe

Mariñas – Betanzos inicia a formación en agricultura ecolóxica para medio centenar de veciños da bisbarra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoLocal
A-
A+
Presentación do obradoiro

Presentación do obradoiro

A busca de novas oportunidades para o sector primario sempre foi considerada unha prioridade para o GDR Mariñas-Betanzos.
Baixo este enfoque, o Grupo traballa para tratar de converter algunhas das actuais debilidades en iniciativas de xeración e novas oportunidades de emprendimiento.

Con esta visión, o Grupo de Desenvolvemento Rural inaugurou onte a II edición do Obradoiro de Agricultura Ecolóxica que se desenvolverá nos próximos 3 meses. Participarán medio centenar de persoas procedentes na súa maioría de municipios da bisbarra,
sobresaíndo un gran número de veciños da Coruña.

O obxectivo consiste en dar a coñecer este tipo de produción diferenciada, sostible e respectuosa cos medios naturais. A agricultura ecolóxica está considerado un campo de oportunidades de desenvolvemento económico e polo tanto de creación de emprego,
sobre todo para emprendedores.

Estamos a poñer todo o noso empeño en aproveitar os recursos que nos dá o rural para xerar emprego”, asegurou o presidente de Mariñas – Betanzos, José Antonio Santiso, na presentación do taller. O alcalde de Abegondo animou os participantes, dos que boa parte se encontran no paro, a facerse valer desta formación para tratar de emprender.

“Debemos aspirar a ter unha produción para o consumo en circuítos locais e combater a acción das multinacionais”, apuntou. Santiso anunciou aos alumnos que, tras os contactos mantidos coa conselleira de Medio Rural, o programa de axudas europeas Leader, que xestiona o GDR, para o desenvolvemento de empresas conta aínda fondos para esta anualidade e a que vén, polo que pode ser unha fonte de financiamento para os seus proxectos.

O taller de agricultura ecolóxica iniciado onte desenvolverase nos meses de maio, xuño e xullo, a razón dunha 1 sesión semanal de tres horas de duración. Terá lugar en Santa María de Vigo (municipio de Cambre), onde Mariñas – Betanzos dispón de un terreo experimental dunha hectárea e un invernadoiro de 1.000 metros cadrados.

O programa formativo comezará coa identificación e características xerais dos cultivos implantados baixo cuberta e ao aire libre, así como un repaso ás variedades autóctonas. Posteriormente, os participantes internaranse no recoñecemento do chan, con toma de mostras, determinación do pH, materia orgánica e textura.

De cara ao seu traballo na horta, abordarase o uso das ferramentas básicas e a importante planificación: orientación, distribución e elección de cultivos, ou o emprego de cortaventos naturais.

A seguinte materia será a preparación de viveiros e os labores a realizar nos diferentes cultivos implantados: poda de tomate e pemento, colleita de froitos, control de herbas adventicias, rego….

Outra das áreas do taller serán as plantas aromáticas e medicinais, a protección de cultivos, as pragas e enfermidades máis comúns, e o uso e preparación de insecticidas e vigorizantes.

O curso estudará tamén as posibilidades de fertilización orgánica e sostible, incluíndo a elaboración e posta en marcha dun compostero. A influencia da lúa e constelacións nos cultivos, a creación dun banco de sementes autóctonas, a certificación en agricultura ecolóxica, e a agricultura urbana serán os últimos temas do taller.

2 de maio de 2013 | 11:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.