Mañá asínase en Madrid o convenio para a creación do “Campus Internacional del Deporte de Tui”
A Casa de Galicia en Madrid acollerá mañá xoves, 16 de maio, o acto de sinatura do acordo de colaboración entre a Asociación “Cultura, Deporte y Desarrollo” e o Concello de Tui para a creación na nosa cidade do Campus Internacional del Deporte de Tui (Cidetui).
A finalidade primordial deste Campus é a posta en marcha dun centro educativo habilitado para impartir as ensinanzas conducentes á obtención do título de Técnico Deportivo e Técnico Deportivo Superior. Nunha primeira fase está prevista a impartición das ensinanzas de grado medio artelladas en dous ciclos. Nunha segunda fase se impartirán ensinanzas deportivas de grado superior. Este centro terá desde os seus inicios un caracter internacional e cunha ensinanza que combina a modalidade on-line e a presencial.
A creación deste Campus Internacional del Deporte de Tui nace ao abeiro do establecido na lexislación en materia de cultura física e deporte que produce un cambio substancial na titularidade da competencia para expedir as correspondentes titulacións en materia deportiva asignándolle esta competencia ao Consejo Superior de Deportes e, no seu caso, ás Comunidades Autónomas. Ata agora estes curso estaban monopolizado polas diversas federacións deportivas pero as novas normas legais establecen que estas ensinanzas se impartirán en centros de formación públicos ou privados autorizados pola administración educativa competente.
A Asociación, máis coñecida como Deporte y Desarrollo, promove a todos os niveles -iniciativa pública ou privada- actividades relacionadas coa práctica do deporte, a cultura e a cooperación ao desenvolvemento. Dedica principalmente os seus esforzos ao fomento do deporte e a cultura entre los nenos/as e mozos de países en vías de desenvolvemento. En concreto, se traballa usando o deporte como ferramenta de escolarización e medio de integración social.
Para o Concello de Tui a sinatura deste convenio que establece unha inicial declaración de intencións abre a porta a un ilusionante proxecto educativo e de formación en materia deportiva. As expectativas e interese que suscita a creación deste Campus del Deporte de Tui son moi altas pois marca unha iniciativa pioneira en España cunha proxección internacional.
Neste acto participará Moisés Rodríguez Pérez, Alcalde de Tui, e Miguel F. Rodríguez Álvarez, Presidente da Asociación “Deporte, Cultura y Desarrollo”. Estará presente S.A.S. Nora de Liechtenstein, Presidenta del “Premio Internacional a la Solidaridad en el Deporte” e Vicepresidenta de Deporte &Desarrollo asi como José Ramón Ónega López, Delegado da Xunta de Galicia en Madrid.