Unha ducia de facsímiles inauguran a II Exposición de Códices Antigos Concello de Nigrán

Inauguración da exposición de Códices
Tras o éxito da mostra de libros antigos celebrada o pasado ano, o Concello de Nigrán presenta a II Exposición de Códices Antigos, que se inaugurou hoxe ás 20.00 horas no Salón de Actos municipal, coa presenza do alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, a concelleira de Turismo, Cultura e Deporte, Liliana Silva, o promotor desta iniciativa, Francisco Vidal, e Bieito Ledo Cabido, escritor e fundador da editorial Ir indo.
Máis dunha ducia de facsímiles de códices como o Calixtinus da Universidade de Salamanca ou o da catedral de Santiago de Compostela, o Granatensis, o Atlas de Ptolomeo, os libros I e II das Cantigas de Santa María e o Lapidario, de Alfonso X O Sabio, o Beato de Xirona, o Breviari d´Amor ou a Condesa de Bertiandos, son algúns dos facsímiles que se poderán apreciar nesta mostra.
“Réplicas practicamente idénticas, traballadas de igual forma e cos mesmos materiais que os orixinais”, explicou o rexedor municipal, Alberto Valverde, na súa intervención. “Coa celebración desta exposición os veciños de Nigrán teñen unha oportunidade única para empaparse de cultura, coñecementos e historia, e ver de preto auténticas xoias da literatura universal”, engadiu.
A exposición, que permanecerá aberta entre o 15 e o 21 de maio e cuxo acceso será gratuíto, complétase cunha trintena de libros, revistas e curiosidades documentais que forman parte da historia e a cultura galega dos últimos 200 anos, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas.
“Con esta exposición, lembramos e recoñecemos o labor e achega á cultura galega non só de Roberto Vidal Bolaño, senón de todas aquelas persoas que ao longo da nosa historia, e especialmente nos últimos 200 anos, loitaron por manter o noso espírito e a nosa cultura”, sinalou Valverde.
Charla de Méndez Ferrín
No contexto da II Exposición de Códices Antigos Concello de Nigrán, o vindeiro luns 20 de maio, o escritor e político Xosé Luís Méndez Ferrín ofrecerá ás 20.00 horas no Salón de Actos municipal unha charla, na que realizará un percorrido pola historia dos códices en particular, e da literatura universal en xeral.











