Máis de 800 rapaces de Brión participan nas actividades especiais do mes das Letras Galegas

Espectáculo do mes das Letras Galegas
Máis de 800 rapaces e rapazas dos distintos centros educativos de Brión (instituto, colexio, unitarias e mesmo da gardería) están a participar ao longo deste mes de maio nas actividades especiais programadas polo Concello de Brión co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado a un ilustre veciño brionés como Roberto Vidal Bolaño. Un total de oito representacións polas que xa levan pasado case 400 escolares e que están perfectamente adaptadas ás súas diferentes idades e inquietudes.
Esta mesma mañá, sesenta alumnos e alumnas do IES Brión asistiron á representación de “Lembranzas de Roberto Vidal Bolaño”, un contacontos didáctico-musicado sobre a figura de Roberto Vidal Bolaño a cargo de Xandobela e que foi moi aplaudido polos rapaces e rapazas. Coa música e o humor como fíos condutores, os actores de Xandobela comezaron cunha introdución sobre a vida de Vidal Bolaño de man dun fachendoso cacique que se burlaba da importancia da cultura na sociedade.
Acto seguido, a representación seguía arredor do texto “Los Papalagui”, unha versión de Vidal Bolaño sobre un texto de principios do século XX no que un xefe dunha tribo samoana explicaba o que para el significaba o estilo de vida dos europeos (os “papalagui”), baseada na acumulación de propiedades e en non disfrutar da vida.
Próximas actividades
Tras esta representación, o venres 24 de maio terá lugar unha lectura dramatizada e musicada de pezas teatrais de Roberto Vidal Bolaño a cargo de Picaversos e dirixida a alumnos e alumnas de terceiro ciclo de primaria do CEIP de Pedrouzos. Xa para a vindeira semana, o luns 27 de maio haberá unha sesión especial de contacontos a cargo de Tinke-Trinke Teatro para alumnos de educación infantil do CEIP de Pedrouzos e das escolas unitarias de Luaña, Os Ánxeles e Bastavales.
O mércores 29 será a vez dos alumnos e alumnas de primeiro ciclo de Primaria do CEIP de Pedrouzos, que asistirán á representación de “Anacos de Touporroutou da lúa e do sol”, a cargo de Maquinarias Teatro. Como todos os anos, os meniños e meniñas da gardería municipal pecharán o programa de actuacións con “Entre arrolos e contiños”, a cargo de Migallas Teatro.











