Máis de 250 vespas e lambrettas tomarán as rúas de Nigrán
Nigrán será este fin de semana longo capital internacional dos afeccionados ao mundo das motocicletas, coa celebración do IV Encontro Minho-Galaico de Vespa e Lambretta, que nesta edición contará coa participación de máis de 250 motocicletas, procedentes de Galicia, Portugal e outros puntos da península.
Este evento internacional, organizado por Vespamiñor Scooter Club en colaboración co Concello de Nigrán, permitirá aos participantes coñecer desde os seus “dúas rodas” Nigrán e os outros dous municipios do Val Miñor, “unha magnífica oportunidade para amosar os encantos e atractivos da comarca a máis de 250 persoas do resto de Galicia, Portugal e outros puntos de España, converténdose tamén nunha escusa perfecta para promocionar o noso municipio como destino turístico”, subliña o rexedor municipal, Alberto Valverde.
Este evento internacional, que se celebra un ano en Galicia e o seguinte en Portugal, representa a unión de dous pobos irmáns a través dunha filosofía de vida, o vespismo. Ademais das paraxes do tres municipios miñoranos, os asistentes realizarán excursións ás Illas Cíes, aos castros de Santa Tecla e á Serra dá Groba, á vez que gozarán da gastronomía e o lecer nocturno local, en distintos locais do municipio.
O alcalde de Nigrán aplaude esta iniciativa, e anima a outros colectivos a coordinar actividades tendo en conta ao país veciño. “Tanto por proximidade como por afinidade cultural, Portugal é un público obxectivo moi importante para a actividade turística e hostaleira da zona”, subliña.
Os amantes das Vespas e Lambrettas interesados en participar poden porse en contacto co club organizador a través do correo electrónico vmscooterclub@gmail.com ou no teléfono 686 95 55 39. O prezo da inscrición é de 25 euros, e inclúe acampada gratuíta no Cámping Praia América, bolsa de benvida, visita ás Illas Cíes e refrixerio e almorzo e xantar do día 19.