Luisa Cid presenta unha nova edición do produto de turismo familiar “Catuxa”
A tenente de alcalde de Emprego e Empresa, e presidenta do Consorcio de Turismo, Luisa Cid, presentou hoxe o novo produto de turismo familiar, Catuxa, que ademais das ofertas habituais da edición anterior en hoteis, pensións e restaurantes, este ano presenta como novidade a oferta especial de ocio.
Entre as alternativas inclúense rutas panorámicas en 4 X 4 pola cidade, circuítos termais, cursos de vela e de surf, entre outras. O produto Catuxa, que estará vixente ata o 31 de decembro, inclúe tamén a visita guiada caracterizada e gratuíta da man da gata Catuxa. Este ano intégranse 28 establecementos de aloxamento, tres máis que o ano pasado e nove restaurantes, un máis que en 2012.
En canto ás características do produto Catuxa trátase dunha oferta da que só poden formar parte aqueles establecementos cuxos servizos e instalacións estean adaptados para atender ás necesidades do turismo familiar.
A oferta de aloxamento inclúe no seu prezo, como mínimo, un cuarto dobre máis un neno de ata 12 anos co almorzo incluído. Esta oferta estará dispoñible, como mínimo, os fins de semana e con cuartos dende os 40 euros en hoteis e dende 35 en pensións.
En canto aos restaurantes participantes contarán co Menú Catuxa, un menú infantil composto por un prato principal, sobremesa máis pan e bebida e non superará os 7 euros, se ben se poden encontrar ofertas dende os 5,50 euros. Ademais, ao solicitar o Menú Catuxa, os pais gozarán dalgún tipo de gratuidade mentres que aos nenos se lles entregará un mantel especial con actividades e unha caixa de lapis de cores.
En canto ás ofertas de ocio, ofrécense prezos especiais para actividades que se poden realizar en familia como percorridos turísticos, curso de iniciación ao surf, saídas en veleiro, en catamarán, aluguer de piraguas, circuíto en talasso. Existen ofertas dende os 20 euros. Ao igual que na edición anterior todos os nenos participantes na visitas guiadas recibirán o seu kit completo para descubrir a cidade da man desta guía tan especial.
No que respecta ás reservas pódense realizar directamente nos establecementos e no caso das visitas guiadas nas oficinas ou teléfono de Turismo da Coruña. En total editaranse máis de 3.000 folletos en castelán, inglés e galego. Toda a información estará dispoñible tamén na web de Turismo da Coruña: www.turismocoruna.com/catuxa.
Establecementos participantes
Hoteis: Hotel Finsiterre, AC A Coruña, Attica 21 Coruña, Carrís Marineda, Eurostars Ciudad de La Coruña, Hesperia A Coruña, Hussa Center, Meliá María Pita, Tryp Coruña, Zenit Coruña, Avenida, Plaza, Riazor, Santa Catalina, Sol, Los Lagos, Nido, Crunia, Pazo do Río, As Galeras Apartamentos, Portocobo e El Pescador.
Pensións: La Provinciana, Roma, Palacio, Lois III, Santa Clara e Portazgo
Restaurantes: Aquarium Finisterrae, Comer y Picar, La Estancia, Magali, Manolito, Noray, Oído Cocina, Playa Club e En Panes
Empresas de ocio: Ruta Bule Bule, Altavela Servicios Náuticos, Noemborques, Punto Pasión, Playa Coruña e Termaria Casa del Agua.
Datos ocupación hoteleira
Luisa Cid aproveitou a súa comparecencia desta mañá para adiantar os datos de ocupación hoteleira do primeiro cuadrimestre e que bota datos positivos para a cidade. Así, produciuse un incremento no número de viaxeiros dun 0,70% respecto a 2012, alcanzando a cifra dos 88.584 viaxeiros. No que respecta a pernoctacións, A Coruña, cun incremento do 1,07% e 186.343 pernoctacións, reflicte cifras positivas en 2012.
En canto ao pasado mes de marzo, a cidade incrementa tanto viaxeiros coma pernoctacións, un 0,38% no primeiro caso e un 2,56% no segundo. En termos absolutos, A Coruña recibiu 24.684 viaxeiros en abril de 2013, mentres que, no referido a pernoctacións, a cidade sumou 51.610.