publicidade hoxe

Luisa Cid presenta a Escola de Verán da OMIC na que participarán 200 alumnos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

A tenente de alcalde de Emprego e Empresa e responsable de Consumo, Luisa Cid, presentou hoxe os talleres de consumo que se realizarán na OMIC (Oficina Municipal de Información ao Consumidor) dentro da Escola de Verán de 2013. Estes cursos están dirixidos a nenos de entre 3 e 10 anos. A inscrición pode realizarse do 3 ao 28 de xuño en horario de 09.00 a 14.00 horas e realizarase por rigorosa orde de entrada ata cubrir as prazas dispoñibles. Cada quenda terá 50 prazas.

Tal e como comentou Luisa Cid, os cursos son unha continuidade dos que se realizaron o ano pasado: “Terán un carácter máis práctico con máis monitores e máis saídas, tanto aos mercados municipais ou a outras zonas da cidade como é o Monte de San Pedro”. Ademais de educar os nenos nun consumo responsable, a Escola de Verán ten tamén como obxectivo axudar os pais a conciliar a vida laboral e familiar.

Os cursos desenvolveranse de luns a venres de 10.00 a 13.00 horas:
. 1ª quenda: do 1 ao 12 de xullo (ambos os dous inclusive).
. 2ª quenda: do 15 ao 31 de xullo, agás o día 25 por ser festivo (ambos os dous inclusive).
. 3ª quenda: do 1 ao 16 de agosto (agás o 15 por ser festivo).
. 4ª quenda: do 19 ao 30 de agosto (ambos os dous inclusive).

No que respecta ás temáticas, serán alimentación saudable e consumo responsable. No primeiro, ensinaráselles a recoñecer a importancia dunha boa alimentación, aprendendo a realizar unha alimentación sa e saudable, en prol de mellorar a súa nutrición e potenciar bos hábitos alimenticios. Incluiranse visitas guiadas aos mercados municipais para coñecer mellor o seu funcionamento e fomentar a compra de produtos frescos e de calidade.

No taller de consumo responsable aprenderán a crear e transformar obxectos cotiáns en xoguetes, disfraces e produtos infantís. Preténdese, a través de diferentes talleres, a creación de xoguetes construídos polos nenos coas súas propias mans e intelixencia, a partir de material de refugallo, de forma que se estimule a invención a través dos experimentos, se agudice a percepción e se fomente a imaxinación e a fantasía.

Procedemento para inscribirse

Os pais, nais ou titores deberán entregar cuberta unha folla de inscrición na Oficina Municipal de Información ao Consumidor na Costa da Palloza, número 8. Os folletos de inscrición repartiranse polos colexios da cidade, tamén se poden recoller na propia OMIC ou ben descargar da páxina web (www.coruna.es/omic) no apartado de publicacións.

Para solicitar máis información, está a disposición da cidadanía o número de teléfono 981 189 820.

29 de maio de 2013 | 13:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.