Luis Iglesia e Xabier Deive traen “Gaivotas subterráneas” ata o auditorio de Goián de Tomiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalTomiño
A-
A+
Xabier Deive e Luis Iglesia

Xabier Deive e Luis Iglesia

Os actores Luis Iglesia e Xabier Deive, porán en escena este sábado, 1 de xuño, no Auditorio de Goián, o espectáculo “Gaivotas subterráneas”, dentro do ciclo cultural de primavera organizado pola Concellaría de Cultura do Concello de Tomiño.

O dramaturgo Alfonso Vallejo crea en “Gaivotas subterráneas” unha inquietante atmosfera ao redor da relación de dous vellos amigos, das feridas do pasado, e dos conflictos vitais, que permitirá ao espectador disfrutar dun duro combate estre dous dos mellores actores galegos: Luis Iglesia e Xabier Deive. Nino Carpio traballa nunha empresa de seguros e busca a Mario, músico e amigo da infancia, ao que convence para que lle axude a conseguir unha importante suma de diñeiro do seu seguro de vida.

Esta peza teatral, que xa foi representada en diferentes puntos de Galicia, está recomendada para maiores de 13 anos, e a entrada custará 3 euros.

O elenco da producción teatral desta fin de semana, conta cunha ampla traxectoria no panorama teatral e audiovisual galego. Luis Iglesia é coñecido polo seu papel de Carmelo Matalobos na exitosa serie de Voz Audiovisual Matalobos.  Destaca tamén en series como Terra de Miranda ou Un Mundo de Historias, e os filmes Heroína ou Vilamor.
Xabier Deive é outro dos máis recoñecidos actores galegos que, ademais de ser coñecido por series como Matalobos, Os atlánticos ou A vida por diante, ten traballado tamén no ámbito estatal en series como Bandolera, Piratas ou De repente los Gómez.

O director de Gaivotas Subterráneas é Artur Trillo; tamén director da compañía “Talía Teatro”, coa que ten realizado cerca de vinte montaxes, entre as que destacan “Palabras Encadeadas”, de Jordi Galcerán, que recibiu o premio María Casares á mellor dirección.

A programación de primavera pecharase o día 16 de xuño, coa Escola Municipal de Teatro, que protagonizará dúas pezas: “O pano da avoa” e “O nacemento do dragón”.

Exposicións

Xuxo Malone expón ata o vindeiro domingo, 2 de xuño, “Imperfeccións”, unha mostra escultórica  con diferentes técnicas, que pode contemplarse no auditorio goianés en horario de tarde.

31 de maio de 2013 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.