publicidade hoxe

López Abella reúnese coa presidenta de ASFEM para coñecer o programa de acompañamento a mulleres inmigrantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse este venres coa presidenta da Asociación sociocultural Formación e Emprego (ASFEM), Pilar Iglesias Osorio, para coñecer os resultados do programa de apoio e acompañamento a mulleres inmigrantes en risco de exclusión social, co que colaborou a Xunta o ano pasado.

O ano pasado a Secretaría Xeral da Igualdade subvencionou con máis de 5.000 euros -concedidos a través da convocatoria a entidades de iniciativa social- á asociación presidida por Pilar Iglesias, que tamén é presidenta da Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural en Galicia (AFAMMER).

O obxectivo do programa de acompañamento é mellorar a calidade de vida das mulleres inmigrantes, favorecendo o proceso de integración social e laboral e previndo potenciais problemas de integración, así como a aparición de condutas marxinais, explotación sexual ou violencia de xénero.

Máis concretamente, o programa baséase en acompañar a estas mulleres en todos os trámites burocráticos que dende os Servizos Sociais especializados se pauten, ofertando apoio e orientación; así como realizar actividades de orientación laboral, talleres de busca activa de emprego e talleres de adestramento en habilidades sociais.

Do mesmo xeito, o programa tamén se encarga de redireccionar aos Servizos Sociais especializados todos os casos que se detecten de mulleres inmigrantes en proceso de integración e inclusión social; e detectar e previr posibles situacións de abuso ou violencia, actuando como recurso de apoio ás intervencións que se poidan levar a cabo dende os Servizos Sociais especializados.

En total, foron 42 as mulleres inmigrantes ás que se lles prestou o servizo de acompañamento, dirixido a un proceso de inserción sociolaboral. Estas mulleres atendidas eran de 12 nacionalidades diferentes e o perfil de idade maioritario de entre 31 e 45 anos.

13 de maio de 2013 | 20:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.