Lete Lasa sitúa o Rallye Internacional Rías Baixas como “unha das probas insignia do deporte galego”
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, situou hoxe o Rallye Internacional Rías Baixas como unha das “probas insignia” do deporte galego e resaltou o “valor engadido” que achegan á comunidade competicións destas características.
Durante a presentación da 49 edición desta proba do motor, Lete Lasa sinalou que as edicións deste rallye “fan crecer o noso deporte, colocan a Galicia, ano tras ano, na punta de lanza do automobilismo español e no punto de mira dos miles de afeccionados”.
O secretario xeral para o Deporte lembrou que toda a actividade deportiva é digna de atención e fomento, e que a Xunta aposta decididamente polos acontecementos deportivos que contribúen a achegar valor engadido a Galicia: non só ao seu deporte, senón tamén “á súa economía e ao seu posicionamento e recoñecemento nacional e internacional”, abondou.
“Porque Galicia medra a través dos seus eventos deportivos e a través dos que os fan posible: mostrar a nosa capacidade organizativa, os nosos lugares e o noso estilo e forma de vida é tamén, como non, tarefa do deporte”, insistiu.
Por último, Lete Lasa amosouse confiado de que dos vindeiros 30 de maio a 1 de xuño “volveremos constatar, grazas ao traballo e esforzo da Escudería Rías Baixas, que Galicia é o perfecto escenario destes eventos deportivos onde o nivel competitivo e a extraordinario labor organizativo se suman aos incomparables paraxes naturais e a toda unha oferta de actividades que non poden máis que facer boa a aposta porque a 49 edición do Rías Baixas sexa, unha vez máis, a mellor proba do Campionato de España de Rallyes de Asfalto neste 2013”, concluíu.