publicidade hoxe

Lalín realizará unha ofrenda floral a Rosalía de Castro e colocaranse poemas da autora en establecementos e rúas lalinenses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal
A-
A+

A véspera do Día das Letras Galegas, o Concello de Lalín realizará ás 12.30 horas unha ofrenda floral diante do monolito a Rosalía de Castro, situado no Parque de Loriga, no ano no que se cumpren o 150 aniversario de “Cantares Gallegos”. No transcurso deste acto en homenaxe á precursora das Letras Galegas, o gaiteiro Plácido Rozas interpretará o Himno Galego. Así o indica a concelleira de Cultura, María Álvarez, que sinala que este actividade enmárcase dentro da programación cultural do “Mes das Letras” do Concello de Lalín que se abriu coa inauguración da XI Bienal Internacional “Pintor Laxeiro” o venres 10 de maio e que tivo como protagonista a figura do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, que impartiu o luns 13 de maio, dúas charlas sobre a figura de Rosalía de Castro e os 150 anos de Cantares Gallegos nos institutos lalinenses.

María Álvarez sinala que “o xoves 16 de maio e con posterioridade á ofrenda floral colocaranse diversos poemas de Rosalía de Castro en diversos establecementos e rúas de Lalín”. En total son sete os poemas seleccionados que lalinenses e visitantes poderán ler durante o “Mes das Letras” dentro desta iniciativa: “Adiós ríos, adiós fontes”; “Negra sombra”; “San Antonio bendito”; “Un repoludo gaiteiro”; “Campanas de Bastabales”; “Unha vez tiven un cravo” e “Quíxente tanto, meniña”.

O Día das Letras Galegas, o 17 de maio, ás 20.00 horas, no Museo Municipal “Ramón Mª Aller” terá lugar ás 20.00 horas, no Museo Municipal un espectáculo das poetisas María Lado e Lucía Aldao que ten como eixo estruturante os 150 anos da publicación de “Cantares Gallegos” de Rosalía de Castro.

As autoras darán unha conferencia sobre a obra de Rosalía “Cantares Galegos”; non só falarán do libro, da súa xénerse e importancia para a nosa literatura, senón que tamén recitarán poemas da autora acompañadas de música en directo para facer unha homenaxe á poeta de Padrón.

Lucía Aldao Lariño é unha escritora e actriz galega ceense. Desde 1998 viaxa por Galicia ofrecendo recitais de poesía. En 2005 xúntase coa tamén poeta María Lado para lle dar forma ao espectáculo poético denominado “Onde estea un cubata que se quite un soneto”. Desde esa data continúan experimentando coa poesía ao vivo. Colaborou co actor Carlos Blanco no espectáculo “Dillei” e no programa da TVG “Somos unha potenzia”, ambos dirixidos por este. Tamén exerceu de presentadora para galegas, forma parte do proxecto musical alDDao e colaboradora de perfomances, ademais de coordinar certames literarios e de ter unha colaboración poética cada domingo no programa “Tres peixes voando” da Radio Galega.

María Lado Lariño é unha escritora e actriz galega, titulada en Produción Audiovisual e cursou estudos de Filoloxía Galega. Comezou a escribir no núcleo do Batallón Literario da Costa da Morte onde publicou os seus primeiros textos en tres libros colectivos: “Nós”, “Mar por medio” e “Rumbo ás illas”. Ten participado en máis volumes colectivos e antoloxías poéticas. Ademais é narradora e dedícase ao teatro realizando traballos profesionais como actriz.

Gañou diversos premios entre eles o premios de poesía Avelina Valladares no 2007 por Nove e o “Certame de poesía erótica Illas Sisargas no 2010” por Amantes.

“O Mes das Letras” continuará o sábado 18 ás 21.00 horas no Auditorio de Vilatuxe coa estrea da peza musical “O que hai que ver!!!” a cargo do grupo de teatro xuvenil “Vagalume de Vilatuxe” que conta entre o elenco de artistas con Alba, Débora e Luna, ademais de tres persoas no equipo técnico de son.

O espectáculo musical ten unha duración de 40 minutos. A sinopse sobre a que trata esta obra é que non se debe prexulgar polas apariencias, nin o bo é tan bo nin o malo tan malo.

14 de maio de 2013 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.