publicidade hoxe

Lalín posibilita a colocación de ascensores en patios de luces para mellorar a accesibilidade das persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal
A-
A+

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa última sesión celebrada onte pola tarde remitir o documento de inicio da modificación puntual nº 14 do PXOM de Lalín á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para comezar así a tramitación administrativa do expediente. Así informa o edil de Urbanismo e Vivenda, Román Rodríguez, que sinala que “esta modificación, fundamentada na conveniencia e interese público de resolucións de situacións puntuais, presenta unha serie de cambios que non afectan a elementos básicos co planeamento, senón que inciden en desaxustes en determinados aspectos específicos”.

Rodríguez concreta que “ademais dos cambios que xa foron presentados o pasado 20 de abril, a proposta de modificación puntual nº 14, no seu documento de inicio definitivo, que será enviado á Consellería de MATI incorpora dúas novas propostas: unha dirixida á colocación de ascensores en patios de edificacións existentes e a segunda orientada a posibilitar a instalación na Praza de Abastos lalinense de locais de hostalería vinculados á propia Praza”.

O concelleiro de Urbanismo destaca que “coa primeira destas propostas, que supón unha modificación das normas de edificación do PXOM, normativa pola que se rexe as condicións dos ascensores nas edificacións, ten como obxectivo prioritario mellorar a accesibilidade en edificación que, polo xeral, son antigas”.

“Esta proposta ten a súa razón de ser en varias peticións de propietarios de edificacións antigas de dúas ou tres plantas que non contan con ascensor e, insistimos, ten como finalidade permitir a accesibilidade das persoas e de conseguir a supresión de barreiras arquitectónicas desas edificacións mediante a coloación de ascensores nas mesmas, un servizo básico e necesario para favorecer a súa mobilidade das persoas maiores ou das que presentan algún tipo de discapacidade”, remarca.

Sinala Román Rodríguez que “dado que en diversas ocasións non existe viabilidade funcional ou técnica para a colocación de ascensores no interior das edificacións existentes por canto a localización afecta a dependencias das propias vivendas e locais ou porque as obras necesarias supoñen unha importante complexidade técnica é polo que desde o Concello de Lalín consideramos convinte, aos efectos de mellorar a accesibilidade ás vivendas e edificacións, proceder á modificación puntual da normativa urbanística no relativo á colocación de construcións nos patios para permitir a instalación de ascensores en construcións existentes”.

“Con respecto á segunda nova proposta que se acompaña a esta modificación puntual nº 14, ademais das que xa se presentaron no seu día, pretende ampliar os usos permitidos na Praza de Abastos para que nas súas instalacións se poidan poñer tamén negocios de hostelería que contribúan á dinamización deste mercado baseado na proximidade, tal como acontece noutras cidades como en Santiago onde os locais de hostalería son complementarios á actividade da propia Praza”.

“En definitiva, con esta modificación puntual búscase ampliar os usos permitidos no equipamento municipal da Praza de Abastos -ademais de comercio en xeral, tamén hostelería- ao obxecto de fomentar e promover novas actividades económicas que contribúan ao desenvolvemento das actividades comerciais existentes neste equipamento público, servindo de elemento dinamizador na utilización pública deste espazo comercial urbano”, puntualiza Rodríguez.

Por último, fai fincapé Román Rodríguez que “a través desta modificación puntual dáse cumprimento a convenios urbanísticos asinados entre Concello e particulares; fanse reaxustes en delimitacións de clasificacións de solo; posibilítase nas áreas urbanas non consolidadas máis facilidades para a obtención de licenzas, ademais de permitir, con esta dúas novas propostas que se incorporan ao documento de inicio que se lle remite á Consellería de MATI, colocar ascensores en patios de edificacións existentes para mellorar a accesibilidade das persoas e posibilitar a instalación de locais de hostalería na Praza de Abastos contribuíndo á dinamización deste espazo comercial urbano”.

28 de maio de 2013 | 12:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.