Khan, Banda Crebinsky e Bagad Glazik Kemper, novas confirmacións do Festival Ortigueira 2013
O grupo irlandés Kan, a bretoa Bagad Glazik Kemper e a galega Banda Crebinsky formarán parte do cartel artístico do próximo Festival Internacional do Mundo Celta. Trátase dos primeiros nomes internacionais que avanza a organización do certame folk que se celebrará en Ortigueira do 11 ao 14 de xullo e que volverá ser totalmente gratuíto.
Kan, o innovador proxecto musical que lideran ao virtuoso flautista Brian Finnegan e o sobresaínte violinista Aidan Ou`Rourke, puntais das reverenciadas bandas folkie Flook e Lau respectivamente, emerxe como un dos grandes reclamos da presente edición.
O cuarteto irlandés, que completan James Goodwin (tambores) e Ian Stephenson (guitarra), pisará as táboas do Escenario Estrella Galicia, trala Escola de Gaitas de Ortigueira, o venres 12 de xullo para presentar o seu álbum debut, “Sleeper”.
Tamén con traballo novo debaixo do brazo (“Jet Lag”) asomarase ao palco da Alameda a Banda Crebinsky, unha “pequena orquesta popular xurdida dun universo imaxinario”, o da película “Crebinsky”, do director ortegano Enrique Otero. Unha proposta musical que se afianzou no panorama do world music co seu son mestizo, resultado da confluencia de músicos chegados do folk, o jazz, o rock, o klezmer e a música clásica ou a experimental.
Finalmente, e tralo bo sabor de boca deixado o pasado ano, volve a Bagad Glazik, auténtica canteira da poderosa Bagad Kemper, un clásico da música tradicional da Bretaña Francesa.
Cartel completo
Nuns días, desvelarase o cartel íntegro do evento, declarado festa de interese turístico internacional. A presentación oficial do Festival Ortigueira 2013, prevista inicialmente para o martes 3 de xuño, tivo que aprazarse por problemas de axenda do conselleiro de Cultura ata a segunda semana de xuño.
Os tres nomes avanzados na xornada de hoxe únense aos dos gañadores do Runas 2012, concurso de bandas noveis no que trunfou a xaponesa Harmónica Creams, e os finalistas da presente edición do certame de promoción de grupos emerxentes (Ruaille Buaille, Boc, Folk on Crest e Guezos), que abrirán a sesión de concertos o xoves 11 de xullo.











