Javier Sánchez e Nahuel Pérez gañan o concurso de audiovisuais das Letras Galegas
A Concellería de Cultura e o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carral veñen de entregar os premios do Concurso de Audiovisuais Letras Galegas 2013, no que resultou gañador o vídeo titulado Os 50 principais das Letras Galegas realizado por Nahuel Pérez e Javier Sánchez.
No certame participaron alumnos e alumnas da ESO do CPI Vicente Otero Valcárcel, realizando pezas nas que abordaban temas como a situación da lingua galega, os autores e autoras homenaxeados, ou a vida e obra de Roberto Vidal Bolaño.
O segundo premio foi para a peza Aquí hai galego de Yasmine Finelli e Noemí Vázquez, e o terceiro para Martín Sánchez e Diego Gómez co seu vídeo Letras no banco.
O alcalde José Luis Fernández Mouriño entregou os premios nun acto que tivo lugar na Sala de Audiovisuais da Casa da Cultura, e no que tamén todos os grupos participantes no concurso recibiron agasallos.
Todos os vídeos participantes pódense ollar no blog da Concellería de Cultura culturacarral.blogaliza.org .
Para organizar este certame contouse coa colaboración do profesorado do colexio Vicente Otero e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.











