Inauguración da exposición fotográfica “Iconografía da gaita”

Inauguración da exposición
Na biblioteca central do Campus de Ourense tivo lugar hoxe a inauguración da exposición fotográfica sobre a “Iconografía da gaita”. No acto participaron María Lameiras, vicerreitora do Campus; César Fernández, asesor de Cultura da Deputación de Ourense, e o autor do traballo, Xosé Lois Foxo.
A exposición é un traballo de campo realizado por Xosé Lois Foxo ao longo de 35 anos nos templos relixiosos e edificacións civis ao longo do Camiño francés e norte de Portugal, no que se recollen imaxes da gaita dende o século IX ata os nosos días. Trátase dunha investigación que reflicte a historia e evolución da gaita ao longo dos séculos, así como un estudio crítico do traballo dos artistas plásticos que plasmaron a gaita nas súas obras que amosan con fidelidade a morfoloxía, evolución e incluso a vestimenta dos gaiteiros.
Dentro do traballo merecen especial atención as miniaturas dos códices medievais, portadas románicas e góticas, sillerías de coros así como pazos e castelos onde o instrumento quedou esculpido. “No estudio iconográfico hai que destacar a riqueza que alberga a provincia de Ourense neste eido, podendo afirmar que o 50% das representacións pertencen a esta provincia”, afirma Xosé Lois Foxo.
Para esta exposición foron seleccionadas 80 representacións entre 1.000 existentes no arquivo do Museo Internacional de Cornamusas da Deputación de Ourense que no futuro dará título a unha obra baixo o epígrage Iconografía da Gaita no Noroeste Peninsular.











