III Encontro con Escritores e Xornalistas do Alto Támega, Barroso e Galicia
A Biblioteca Municipal de Chaves acolle o vindeiro 25 de maio, a partir das 10.30 horas (horario español) o terceiro Encontro con Escritores e Xornalistas do Alto Támega, Barroso e Galicia, organizado polo Fórum Galaico-Transmontano, coa colaboración da Eurocidade Chaves-Verín.
A sesión de apertura deste encontro estará presidida polo presidente do Município de Chaves, João Batista, e o presidente da dirección do Fórum Galaico Transmontano, Fernando Rua Castro, seguida dos relatorios “A igreja e a circunstância secular em tempos outros: o caso do bispado Miranda e Bragança”, do profesor Fernando Augusto Machado (Universidade do Minho) e “A variante André: Historia dunha frustración”, de Alberte Blanco Casal (enxeñeiro e profesor numerario de Tecnoloxía de Ensino Secundario en Verín).
A xornada contará tamén cun almorzo -para o que é necesario inscribirse antes do 22 de maio-, visita pola cidade de Chaves, entrega de certificados de participación e clausura. O prezo do almorzo é de 15 euros e debe realizarse na sede do propio Foro ou correo electrónico, entre outras (máis información na seguinte páxina web: http://forum-galaicotransmontano.blogspot.com.es/).
O Fórum Galaico-Transmontano foi fundado no ano 2008 por José Fernando Rua de Castro e Luís Dias de Carballo, co obxecto de promocionar e divulgar o patrimonio cultural de Tras-Os-Montes, alto Douro e Galicia, apoiados por outros investigadores luso-galaicos. Tras a súa presentación oficial en Chaves, no ano 2010, e en Verín ao ano seguinte, na actualidade o Fórum está conformado, entre outros, por José Fernando Rua de Castro (presidente), os delegados José António Soares da Silva (Valpaços), José António Carvalho de Moura (Montalegre),Maria Cândida Pereira Eiras (Boticas), Federico Justo Méndez (Galicia), Eduardo Castro Santamarina (Verín) e João Barroso da Fonte (Minho), así como a comisión de apoio António Dias Bento (secretaría) e Maria de Lurdes Silva Nascimento (tesourería).Os principais obxectivos deste Fórum son transdisciplinaridade a nivel cultural, e promoción no ámbito escolar e intercambio cultura entre a rexión transmontana e Galicia. E entre as actividades organizadas polo mesmo atópanse: guións temáticos, dinamización de conferencias e tertulias, visitas guiadas polos concellos de Galicia e Alto Tâmega para coñecer o patrimonio artístico e cultural, cursos de verán, concursos escolares, edición dunha revista de periodicidade anual ou construción dunha páxina web, entre outras.
A Eurocidade Chaves – Verín é un proxecto de cooperación transfronteiriza aprobado no ámbito do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), coa participación financeira da Unión Europea (co-financiamento FEDER).