publicidade hoxe

Homenaxe a Rosalía de Castro con motivo dos 150 anos da publicación de “Cantares Gallegos” en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalSantiago de Compostela
A-
A+

O Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela homenaxea a figura de Rosalía de Castro cun concerto especial o 15 de maio, ás 19:30 horas, na igrexa de San Domingos de Bonaval, onde descansa a poetisa galega. A Concellería de Normalización Lingüística súmase a esta iniciativa, que incluirá tamén unha ofrenda floral antes do concerto a cargo de alumnos do Conservatorio e do IES Rosalía de Castro. A concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, animou os composteláns a asistir a este concerto, que une música e poesía. Acompañárona na rolda de prensa o director e vicedirectora do Conservatorio, Miguel Ángel López e Alejandra Escolante, que explicaron as características deste concerto “cheo de simbolismo” que xa se empezou a preparar alá polo mes de setembro.

Este ano 2013 celébrase o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, o día 17 de maio de 1863, aniversario de Manuel Murguía no que a súa compañeira lle ofrecía este poemario como sinal de amor mutuo e compromiso por Galicia. O Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela celebra este acontecemento cun concerto especial, co que tamén se pretende recuperar a memoria histórica e musical do traslado dos restos da poetisa dende os campos de Iria, como ben di Máximo Leis Pouse (A Patria Galega, 1891).

Cando a poetisa foi levada dende o cemiterio de Adina a Bonaval, a onde chegou dende a estación ferroviaria de Cornes, organizouse unha comitiva fúnebre integrada por numerosas persoas e entidades da cidade, para acompañala á que sería a súa última morada. Ao paso desta comitiva todo o comercio pechou en sinal de dó e, nas rúas cheas, a xente mantivo un silencio reverencial só resgado polas bágoas ao paso da música. Ante o edificio da Universidade Central, agora Facultade de Xeografía e Historia, e fronte á casa onde viviron algúns anos o matrimonio Murguía-Castro, os alumnos prepararon a súa homenaxe coa lectura dun sentido poema e a interpretación polo Orfeón Valverde do Miserere composto por Mariano Tafall en 1873 e que fora estreado no enterro do propio autor en 1874. Este traballo está composto especialmente para a súa interpretación nunha comitiva funeraria. A súa instrumentación, constituída por instrumentos de vento que acompañan ás voces, permite ir cantando a obra a medida que se camiña. Esta partitura vai ser interpretada polo coro e un conxunto orquestral do Conservatorio para celebrar este acontecemento.

Para continuar o espírito galeguista e divulgador da obra de Rosalía, o Conservatorio editou un caderno conmemorativo no que se publica o Miserere de Tafall e, ademais, cinco pezas musicalizadas por alumnos do sobre textos da poetisa para a súa interpretación neste concerto homenaxe.

Día das Letras Galegas

Rebeca Domínguez aproveitou a rolda de prensa para lembrar a programación que a as concellerías de Normalización Lingüística e de Educación prepararon para o Día das Letras Galegas na praza do Toural, reunida baixo o título En galego con todas as letras.

As actividades comezarán co fotocol Gústame o galego!, aberto de 11:00 e a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas (en caso de choiva, a xornada de tarde trasladarase ao Auditorio de Galicia). De 12:00 a 14:00 horas realizarase o obradoiro creativo Renova a camisola con Vidal Bolaño, destinado a nenos e nenas de 3 anos en diante, que poderán deseñar as súas camisetas incorporándolles unha ilustración e un texto que deben crear e plasmar eles mesmos. En caso de choiva, este taller tería lugar no interior da Fundación Granell.

A xornada complétase co concerto Tic-tac, proposta musical de Pablo Díaz para toda a familia baseado nas composicións do libro-disco homónimo. O evento comezará ás 19:00 horas e celebrarase na praza do Toural, ou no Auditorio de Galicia en caso de chuvia.

13 de maio de 2013 | 19:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.