publicidade hoxe

Grande éxito de público e participación na charla “Falamos de Dislexia”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomarLocal
A-
A+

O Centro Neural de Gondomar acolleu o pasado venres a charla ‘Falamos de dislexia’, organizada dende a Concellaría de Igualdade.

No acto estivo presente o alcalde de Gondomar, Fernando Guitián acompañado da concelleira de Igualdade, Patricia Durán.

Cristina Porto González, vicepresidenta de AGADIX, (Asociación Galega de Dislexia) foi a encargada de abrir a conferencia, na que, durante dúas horas, os máis de 70 asistentes puideron coñecer as claves sobre este trastorno.

A neuropsicóloga Mónica Villar Guisado resaltou no seu relatorio ‘ Que é a dislexia? O seu diagnóstico’ a necesidade dunha boa e rápida detección médica. Pola súa banda, Mª Carmen Rodríguez de Dios (logopeda especialista en trastornos do desenvolvemento e atención temperá) fixo fincapé na importancia dunha terapia adecuada en ‘A intervención cun neno/a disléxico/a’.

Tras as intervencións proxectouse o documental ‘Dislexia, un trastorno invisible’, da Asociación Dislexia e Familia de Palma de Mallorca.

Finalmente, abriuse unha quenda de preguntas na que os asistentes puideron formular as súas preguntas e intercambiar impresións, resolver dúbidas e coñecer máis acerca deste trastorno.

Patricia Durán, concelleira de Igualdade, recalca a importancia de charlas como esta na que “persoas que viven este trastorno de primeira man poden encontrar axuda e información moi útil”.

 AGADIX

A Asociación Galega de Dislexia é unha organización sen ánimo de lucro, integrada por pais/nais e demais persoas sensibilizadas co problema da dislexia. Entre os seus obxectivos destacan: informar e asesorar persoas con dislexia, familiares e profesionais, sensibilizar á sociedade, profesionais da educación e poderes públicos e promover a investigación neste campo.

13 de maio de 2013 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.