Ghazafelhos trae a Cedeira a súa obra teatral “Bob Apetit”, unha comedia para toda a familia
Teatro e música confluirán esta fin de semana no Auditorio Municipal de Cedeira. Así, dentro da programación cultural semestral do Concello, e en colaboración co Agadic, mañá está prevista a representación teatral da obra “Bob Apetit” a cargo da compañía Ghazafelhos. Unha entretida comedia pensada especialmente para nenos e nenas maiores de tres anos. A compañía presenta a Antuan de la Sardiní, Philip de Toucignón e Fransuá de la Berenxem, tres chefs que van mostrar os segredos da cociña tradicional seguindo o libro de Cunqueiro “A cociña galega”. Unha comedia total en clave de clown onde a cociña é o ingrediente perfecto para partirse de risa. Así mesmo, a ANPA Picapeixe aproveitará a representación para entregar ao público que asista ao Auditorio un agasallo. Deste xeito, cada neno recibirá un libro. A obra principiará ás 20 horas e o prezo das entradas é de 2,5 euros.
Así mesmo, a programación cultural deseñada polo Concello traerá ao Auditorio a actuación do Peque Coro do Conservatorio Superior Xan Viaño de Ferrol. O concerto principiará ás 20 horas con entrada libre e gratuíta. Formado por nenos que cursan o Grao Elemental do Conservatorio, tódalas semanas ensaian xunto con profesoras do conservatorio, acompañadas ao piano por Alexandra Pita e baixo a dirección de Catuxa Pita. Unha actuación para non perderse. A continuación, o público poderá disfrutar da actuación da Big Band Cedeira.











