publicidade hoxe

Garda Civil e Policía Local de Culleredo recuperan artigos de alimentación e roupa substraídos por 4 mulleres en varios negocios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocalLocal Portada
A-
A+
Produtos sustraídos

Artigos substraídos

Unha operación conxunta entre a Garda Civil e a Policía Local de Culleredo detén os roubos que estiveron a perpetrar no día de onte un grupo de 4 mulleres en establecementos comerciais do municipio. Os feitos aconteceron na tarde de onte mércores, sobre as 20.00 horas, cando unha patrulla do posto da Garda Civil en Culleredo observou o comportamento sospeitoso das mulleres nos exteriores dun hipermercado situado en Acea de Ama.

Nese momento, a Garda Civil contacta coa Policía Local para comezar a operación. Rexistradas as mulleres non se encontra nada raro, pero si na furgoneta que tiñan aparcada, onde no seu interior se encontra un elevado número de produtos alimenticios e de roupa. O botín está conformado por botellas de aceite, latas de conservas, embutidos, polbos conxelados, bacallaus, tomate, etc. En canto a roupa, contabilízanse unhas 80 pezas de todo tipo.

En principio, todo fai indicar que as mulleres conformaron este botín subtraendo os artigos de diferentes negocios ao longo do día de onte. Para sacalos de forma oculta empregaban roupa ampla e preparada para que non fosen detectadas.

No día de hoxe, as forzas de seguridade traballaban para tratar de localizar os establecementos onde se produciron os furtos. En canto aos negocios de alimentación xa encontráronse 4 centros comerciais do municipio de onde procedían un 70% dos produtos, quedando outro
30% pendente de saber a súa orixe.

En canto á roupa, aínda non se localizou ningunha tenda onde puido ser subtraída. Por iso, a Policía Local e a Garda Civil fan un chamamento aos posibles afectados para que acudan ao posto da Garda Civil de Culleredo, sito na Corveira, para poder recuperar os seus artigos. A Garda Civil tramita agora as oportunas dilixencias ante estes feitos.

O goberno de Culleredo, a través do primeiro tenente de alcalde e responsable de Seguridade Cidadá, José Ramón Riobóo, felicita aos efectivos de Garda Civil e Policía Local por este traballo conxunto que permitiu deter estes roubos. O Concello aposta por unha coordinación fluída entre as dúas forzas de seguridade para facer de Culleredo un municipio seguro.

Ademais, o goberno de Culleredo apunta que os dispositivos de vixilancia nas zonas urbanas son continuos e permiten un labor de prevención e un contacto directo cos cidadáns.

16 de maio de 2013 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.